Rusia suspende o subministro de gas a Alemaña durante dez días por tarefas de mantemento

O Executivo alemán trasladou a súa preocupación de que Gazprom corte definitivamente o envío de gas natural.
Gasoduto Nord Stream. (Foto: Europa Press)
photo_camera Gasoduto Nord Stream. (Foto: Europa Press)

Alemaña deixou de recibir gas procedente de Rusia esta segunda feira, 11 de xullo, debido ás tarefas de mantemento que Gazprom afirma que levará a cabo no gasoduto Nord Stream 1, situado no mar Báltico e principal conexión para o envío de gas natural ao país centroeuropeo.

A previsión da compañía é que se retome o subministro a primeira hora do 21 de xullo, dez días despois de que tivese lugar o corte. Porén, integrantes do Goberno alemán trasladaron durante a fin de semana a medios locais do país a súa preocupación por se finalmente non se retome o envío de gas.

Nas últimas semanas, o gasoduto estaba a funcionar a 40% da súa capacidade, o que levou a Gazprom a programar este paro para recalibrar o subministro de enerxía, os sistemas de protección contra incendios e para reparar algunhas válvulas da infraestrutura.

Esta perda de capacidade provocou novas subas do prezo do gas no mercado de Alemaña, segundo detallou a Axencia Federal de Redes alemá.

Dependencia do gas ruso

Alemaña atópase agora mesmo en pleno proceso de redución da dependencia do gas ruso, principal abastecedor desta fonte de enerxía no país.

Porén, a falta de alternativas viábeis neste momento obriga Alemaña a seguir mantendo a relación comercial con Rusia para obter gas, que as principais refinarías están a almacenar para ter reservas invernais no caso de que, como apunta o Executivo alemán, se produza o cese definitivo de envío do gas ruso a partir do outono.

Neste sentido, a propia Gazprom reduciu nos últimos meses o envío de gas a Alemaña. O presidente de Rusia, Vladimir Putin, sinalou as sancións impostas por unha boa parte da comunidade internacional como motivo deste descenso no subministro do gas.

Pola súa parte, o chanceler alemán, Olaf Scholz, rexeitou as palabras de Putin e acusouno de mentir, afirmando que as sancións non afectaban directamente ao gas. Unha decisión tomada "de maneira consciente", segundo o propio Scholz afirmou, pola dependencia existente do gas ruso.

Comentarios