A poboación alemá pagará o triplo "como mínimo" pola factura do gas en 2023

Crece o temor entre as autoridades alemás por unha posíbel paralización definitiva do envío de gas por parte de Rusia.
Sistema de canalizacións do Nord Stream 1. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sistema de canalizacións do Nord Stream 1. (Foto: Europa Press)

O presidente da Axencia Federal de Redes, Klaus Müller, o organismo regulador da enerxía na Alemaña, anunciou que a poboación consumidora de gas no país verá triplicada as súas facturas mensuais de calefacción a partir do vindeiro ano.

En declaracións ao medio de comunicación alemán RND, Müller explicou que "para os que agora reciben a súa factura de calefacción, os pagos xa se duplican, e iso antes de ter en conta a guerra de Ucraína".

"A partir de 2023, a clientela debe prepararse para que as facturas se tripliquen como mínimo", afirmou, aínda que, nalgúns casos, a cantidade a pagar podería chegar a multiplicarse por sete.

Neste sentido, o presidente da Axencia Federal de Redes fixo un chamamento ao "aforro", xa que "non afectará todos os consumidores de maneira inmediata nin na súa totalidade, pero nalgún momento haberá que pagalo".

Temor polo corte do Nord Stream 1

Estas declaracións de Klaus Müller chegan despois de que as autoridades alemás volverán trasladar a súa preocupación pola posibilidade de que Rusia, a través de Gazprom, paralice de forma definitiva o envío de gas a través do gasoduto Nord Stream 1, suspendido agora mesmo até o 21 de xullo por tarefas de mantemento.

Desde o Goberno de Alemaña xa fixeron varias peticións a consumidores individuais e industriais para que aforren a maior cantidade de enerxía posíbel, xa que se prevé un inverno de escaseza de gas, principal fonte enerxética do país.

Porén, Müller matizou que "incluso no peor dos casos, Alemaña seguirá recibindo gas de Noruega e das terminais de Bélxica e Países Baixos, e pronto directamente das terminais da costa alemá".

O dirixente do regulador estatal da enerxía tamén quixo tranquilizar os fogares privados e subliñou que "non é moi probábel" que deixen de recibir gas, xa que están protexidos pola lexislación alemá e pola europea.

Comentarios