Corrupción

"O alcalde de Boadilla del Monte recibía suborno sempre"

Francisco Correa recoñece a veracidade do escrito da Fiscalía

Francisco Correa (esq.) no xuízo polas adxudicacións de AENA á trama Gürtel. (Pool / Europa Press)
photo_camera Francisco Correa (esq.) no xuízo polas adxudicacións de AENA á trama Gürtel. (Pool / Europa Press)

O xefe da trama Gürtel, Francisco Correa, condenado a 51 anos de cadea pola Audiencia Nacional no xuízo da etapa entre 1999 e 2005 por prevaricación, fraude, suborno, falsidade en documento público, malversación e branqueo de capitais; enviou dous escritos á Fiscalía Anticorrupción onde detalla a corrupción en Boadilla del Monte, naquela altura gobernado polo PP con maioría absoluta.

Correa explica como actuaba de intermediario entre as empresas e o Concello e negociaba o porcentaxe de suborno por cada adxudicación, cando se facía efectivo o contrato “os empresarios entregábanme o diñeiro en efectivo e eu sempre llo entregaba a Arturo (González Panero, alcalde naquel intre)  ou a Tomás (Martín Morales, Conselleiro Delegado da Empresa do Chan e a Vivenda de Boadilla), dependendo que órgano licitaba o concurso”.

En todo caso, aclara Correa que ademais o alcalde recibía suborno en todos os casos ”en especie, viaxes, sastrería, zapatería, etc”.

Nos escritos tamén se recoñece a viaxe de 3 ou 4 días a Miami de Arturo González con Correa, que pagou os gastos, no que lle presentou a empresa Fortune, coa cal mantiña relacións comerciais, para que o ex alcalde “investira, obviamente co diñeiro obtido polos subornos que lle entreguei” afirma Correa.

A Fiscalía ten razón

Correa asume en primeira instancia que os feitos presentados no escrito da Fiscalía para o xuízo da Gürtel entre 2006 até 2009 son certos, nese proceso -que comezará o vindeiro setembro- investíganse os presuntos subornos a autoridades de Boadilla del Monte, na Comunidade de Madrid.

A Fiscalía Anticorrupción pide 76 anos de prisión para Francisco Correa, 40 para o ex alcalde Arturo González Panero, e 64 anos para Pablo Crespo, daquela secretario de Organización do PP galego.

Neste segundo xuízo tamén se apuntou ao PP como partícipe a título lucrativo dos delitos cometidos pola trama. No primeiro xuízo fora condenado a pagar 245.000 euros das comisión ilícitas, unha vez confirmada a sentencia polo Supremo, levou a que se puxera en marcha a moción de censura que rematou co goberno de Mariano Rajoy.

Comentarios