martes 20/10/20

O Tribunal Supremo ratifica a condena do PP por lucrarse na trama Gürtel

Mantense a condena do PP, que deberá pagar 245.492 euros
Álvaro Pérez Alonso 'O Bigotes', Pablo Crespo e Francisco Correa, no xuízo da Audiencia Nacional en 2018.
Álvaro Pérez Alonso 'O Bigotes', Pablo Crespo e Francisco Correa, no xuízo da Audiencia Nacional en 2018.

O Tribunal Supremo (TS) confirmou nesta cuarta feira, 14 de outubro, a sentenza da Audiencia Nacional (AN) ditada en maio de 2018 pola trama Gürtel na que o Partido Popular (PP) foi considerado partícipe e responsábel civil "a título lucrativo" das actividades da rede liderada polo empresario Francisco Correa. Desta maneira, o TS ratifica que o PP se beneficiou da corrupción desa trama.

Porén, o Supremo considera excesivas as alusións que na sentenza da AN aparecen sobre a existencia dunha caixa B no PP. Precisamente, foi a resolución da AN de 2018 a que deu lugar á moción de censura que Pedro Sánchez presentou contra Mariano Raxoi. 

O ditame do Supremo supón pois o rexeitamento na súa maior parte dos máis de 400 motivos expostos nos 42 recursos dos condenados -tanto persoas físicas como xurídicas- e a Fiscalía, e impón penas que suman 51 anos de cárcere para un total de 29 persoas.

Así, ratifica con lixeiros axustes á baixa as condenas de prisión que fixou a Audiencia Nacional para procesados como Correa, o seu número 2 na trama, Pedro Crespo; e tamén para o ex tesoureiro do PP, Luis Bárcenas, e a súa esposa, Rosalía Iglesias.

A resolución tamén considera partícipe a título lucrativo a ex ministra de Sanidade Ana Mato, ao igual que o PP. Segundo a resolución, Mato beneficiouse de agasallos, viaxes e a organización de aniversarios e comuñóns dos seus fillos por parte de Correa. 

A sentenza, ditada por unanimidade, confirma a comisión nesta causa de delitos de suborno, falsidade en documento mercantil, malversación de fondos públicos, prevaricación, asociación ilícita, fraude á Administración pública, branqueo de capitais, delitos contra a facenda pública, tráfico de influencias, apropiación indebida, ou exaccións ilegais. 

O recurso do PP

No recurso que os populares presentaran ante o Supremo -ao que responde a resolución do TS- o PP alegara vulneración dos dereitos á honra, á tutela xudicial efectiva sen indefensión e á presunción de inocencia ao considerar que a Audiencia Nacional incluíra de forma innecesaria afirmacións relacionadas coa existencia dunha caixa B no PP.

Sobre este asunto, o TS considera acertado en parte, o voto particular da sentenza recorrida, redactado polo maxistrado conservador Ángel Hurtado, que no seu día se negara a condenar o PP e que recentemente foi nomeado membro do TS polo presidente do Poder Xudicial, Carlos Lesmes. Hurtado, no voto particular, valoraba as afirmacións sobre a caixa B do PP como excesivas e expresivas dunha técnica irregular na redacción da sentenza.

Devolución do cartos

O Supremo afirmou que se o PP devolvese o diñeiro co que se  lucrou da Gürtel tería evitado estar presente como partícipe a título lucrativo no xuízo contra esa trama. E é que o feito do TS estimar parcialmente o recurso do PP carece de efectos prácticos, polo que se confirma a multa de máis de 245.000 euros para o partido como partícipe a título lucrativo. 

E é que o Supremo advirte que "se a alguén lle ingresan na súa conta corrente, aínda sen sabelo, unha cantidade de diñeiro que provén dun ilícito penal, debe devolvelo. Así de sinxelo". 

Casado revólvese contra a moción de censura a Raxoi

Pablo Casado non ten respiro con tantas frontes abertas: o estado de alarma en Madrid, o pulo para non renovar o Poder Xudicial e así manter a maioría conservadora, ou co lodo das cloacas do Estado. Con todo, o PP carga de novo contra Pedro Sánchez por ter presentado unha moción de censura "baseada nuns fundamentos non acreditados", dixeron en base á resolución do TS que considera "excesiva" a alusión á caixa B, esquecendo que si confirma a condena do PP.  

comentarios