EUA

Kentucky súmase á lista de estados que prohíben o dereito ao aborto

Aliás, esta terza feira a cidadanía de Kansas votará en referendo sobre se o Goberno estatal debe, ou non, restrinxir e mesmo prohibir o aborto.
Manifestación a prol do dereito ao aborto en San Francisco, o pasado marzo. (Foto: Pat Mazzera / Zuma Press)
photo_camera Manifestación a prol do dereito ao aborto en San Francisco, o pasado marzo. (Foto: Pat Mazzera / Zuma Press)

Prosegue a cruzada conservadora nos Estados Unidos contra o dereito ao aborto. Un tribunal de apelacións do estado de Kentucky vén de restabelecer temporalmente dúas 'leis desencadeantes' que prohíben practicamente todos os supostos de aborto.

As 'leis desencadeantes' foron aprobadas nos últimos tempos por gobernos republicanos que prevían a supresión da protección constitucional para, unha vez oficializada esta cuestión, activalas con efecto inmediato para restrinxir o dereito ao aborto.

Esta decisión da Xustiza de Kentucky dá a razón ao fiscal xeral Daniel Cameron, que celebrou o veredicto após coñecelo: "Aprecio a decisión da Corte de permitir que as leis pro-vida do estado entren en vixencia mentres seguimos a defender enerxicamente a constitucionalidade destas importantes proteccións para as mulleres e a cativada por naceren na Commonwealth".

A decisión final, porén, dirimirase nos tribunais, dado que esta é unha medida temporal mentres a Corte de apelacións do estado designa tres xuíces para considerar a propia demanda de Cameron e mesmo se o asunto é derivado, directamente, á Corte Suprema dos EUA.

As reaccións por parte dos sectores a prol do dereito ao aborto non tardaron en chegar. "Esta noite [pola segunda feira], nun momento fatídico, a poboación de Kentucky viu como os seus funcionarios electos roubaban a súa liberdade reprodutiva. É devastador e cruel", apuntou Alexis McGill Johnson, presidenta de Planned Parenthood Federation of America.

O futuro do aborto, nas urnas de Kansas

Precisamente esta terza feira a cidadanía de Kansas participará no primeiro referendo após coñecer a sentenza do Supremo sobre se o Goberno do Estado pode, ou non, restrinxir e mesmo prohibir o dereito ao aborto.

O resultado terá repercusión no conxunto dos Estados Unidos, pois podería servir de espello e sentar precedente para futuras votacións semellantes noutros territorios.

Comentarios