Un ano na rede e 44 números na rúa!

Sermos Galiza sae máis unha semana á rúa co 25 de abril na capa. Após 2 anos do resgate a Portugal o Pacto de Agressao asinado coa troika deixa ao país veciño con máis paro, miseria e exclusión

Porén, o pobo portugués reaxe co Grândola como himno. Falamos con persoeir@s dos movementos sociais, cultural, político e sindical que nos alertan das consecuencias do 'austericidio' e xa se sabe... "cando as barbas do veciño vexas cortar"... 

Nas páxinas de política avaliamos a tensa sesión de control ao Goberno desenvolvida esta cuarta feira no Pazo do Hórreo. As estratexias mediáticas de Núñez Feijóo e algúns dados novos tirados pola oposición sobre a relación entre Marcial Dorado e Alberto Núñez Feijóo. Entrevistamos a Manuel Vázquez, candidato á secretaría xeral do PSdeG-PSOE e alcalde da Illa de Arousa desde 1999. De antemán recoñece que "gobernar durante a crise pasou factura ao PSOE" mais di encabezar un proxecto "en positivo" que achegue de novo @s socialistas á cidadanía. 

Máis un capítulo na novela de Pescanova. O xuíz vén de afastar a Manuel Fernández de Sousa da dirección da empresa ao tempo que a declara oficialmente en concurso de acredores. Agora a sombra cérnese sobre a súa xestión á fronte da entidade durante estes anos. Información privilexiada empregada para intereses particulares, bens, propiedades e empresas blindadas para pór a familiares como soci@s, deixan a Fernández de Sousa tocado. 

Nas páxinas de social preguntámonos quen move os fíos na Galega que está a piques de se converter en Canal Nou e TeleMadrid. Falamos coas traballador@s e que denuncian o "control político" que a Xunta exerce sobre as informacións "delicadas". "Os nosos medios públicos están ao servizo do PP", denuncian. 

O mundo do traballo lévanos a Unísono. A empresa pretende deslocalizar o servizo de teleoperador@s a un país onde a man de obra sexa máis barata. As condicións de traballo, precarias, deixan @s empregad@s desta empresa na rúa. As centrais sindicais exixen que a negociación se desenvolva na Galiza mais o patrón manda ir a Madrid. 

Nas páxinas de Cultura publicamos un poema inédito de Rosalía de Castro. No 150 aniversario de Cantares Gallegos Sermos Galiza agasállavos unhas liñas até o momento descoñecidas, da man da nosa autora nacional e grazas á colaboración de Francisco Rodríguez. 

Estas e outras moitas novas, coma cada sexta feira, nos quiosques e librarías do país. E cada día, desde hai un ano, na túa casa coa información precisa. 

Obrigadas!

Comentarios