UGT e CCOO reclaman nas rúas unha Europa máis social e democrática

Oito manifestacións contra os recortes e polo emprego e a protección social, convocadas por UGT e CCOO percorreron as rúas de cidades e vilas galegas. 

Manifestación de Ourense. (
photo_camera Manifestación de Ourense. (

A Coruña, Santiago, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Vigo e Ourense ademais de concentracións en Ferrol e Burela mostraron a oposición aos recortes sociais nas manifestacións convocadas por UGT e CCOO na Galiza. Os dous sindicatos participaron en trinta marchas en todo o Estado. 

A defensa do emprego e a protección social e a demanda dunha Europa máis social e democrática foron as reclamacións das oito manifestacións que CCOO e UGT convocaron para o sábado 15 na Galiza, das 30 que tiñan lugar en todo o Estado español. Tomaban parte da xornada de protesta organizada pola Confederación Europea de Sindicatos. 

Na Galiza, a manifestación central tivo lugar en Ourense e nela participaron os secretarios xerais dos dous sindicatos na Galiza,  Xosé Manuel Sánchez Aguión de CCOO e José Antonio Gómez de UGT na que reclamaron un consenso polo emprego. Os dous sindicatos lembraron as 300.000 persoas desempregadas en Galiza, os seis millóns no Estado e os 100.000 fogares galegos con todos os seus membros sen traballo, xunto coa taxa de paro xuvenil do 60% que debuxaban, ao seu dicir, un panorama que dá “motivos máis que suficientes” para a mobilización social. 
Diante do cumio europeo que terá lugar os días 27 e 28, os dous sindicatos mandáronlle a Rajoy a mensaxe dunha cidadanía que se opón a sufrir máis recortes sociais e demandaron políticas alternativas á de eliminación de dereitos sociais. “As alternativas pasan por defender un programa de recuperación de ámbito europeo que teña como obxectivo central o pleno emprego e o progreso económico e social” defenden, para o que indican a urxencia d poñer fin aos recortes no gasto público, protección social e salarios.

Comentarios