UNHA VOZ PROPIA PARA UN PAÍS CON FUTURO

Sermos Galiza xa na rede

O xornal Sermos Galiza estará na rede o día 26 de abril para saír como semanario en papel no mes de maio. Novecentas persoas accionistas constrúen un medio de comunicación como un proxecto colectivo para o futuro.

 

De saída, o de Sermos é un proxecto coral. Máis de novecentas persoas accionistas fan de Sermos Galiza un proxecto plural, ambicioso e colectivo. Somos xa comunidade, homes e mulleres que contribuíron  co seu apoio para crearen entre todos e todas o grupo de comunicación que a Galiza precisa.

En poucas ocasións  unha iniciativa medra con tanta forza e é quen de atopar unha resposta tan ilusionante. Velaí o primeiro éxito de Sermos Galiza. Ser de todos e todas, facer confluír vontades, intereses e sensibilidades. Novecentas persoas que, fronte á demolición dos tempos que nos tocou vivir, apostan por construír, por creren que temos dereito a un futuro distinto. Case un milleiro de accionistas que poñen a súa palabra para a voz colectiva de Sermos Galiza.

Os alicerces están creados e son sólidos. Novecentas trabes fan da nosa casa un deses edificios que se constrúen con vontade de perdurar, co obxectivo de ser fogar de moitas xeracións vindeiras, herdanza de futuro. De partida, naceremos neste mes de abril como diario dixital de información xeral e acceso gratuíto para, en moi breve, botar a andar un semanario en papel.  O noso proxecto xornalístico é ambicioso e conta para a súa realización cunha rede de colaboración que reforzará o traballo da equipa de redacción.

Nacemos en comunidade e queremos ser rede con múltiples conexións informativas que ofrezan un producto participativo e aberto. Buscamos ser trasunto xornalístico da materia na que estamos feit@s, crear coa nosa cultura, mirar cara a lusofonía, abrir os ollos diante de tanta enerxía que agroma en cada parte e os ouvidos ás denuncias das vítimas dunha sociedade cada vez máis inxusta e desigual. Desde nós, abriremos as portas a colectivos e asociación que terán en Sermos Galiza o seu eixo de conexión. A túa participación será a que faga a casa aínda máis grande.

En Compostela para Galiza

Por iso, a redacción de Sermos Galiza en Compostela estará sempre aberta a quen quixer facernos partícipe das súas historias, dos seus proxectos, do que fai, do que sabe ou do que cre que é preciso contar. Somos comunidade de accionistas, queremos ser rede de colaborador@s, interconectad@s nun grupo de comunicación con modelo propio, que responde a un tempo novo no que temos que reaxir.

Un encofrado complexo dá vida a Sermos Galiza composto, que se foi tecendo nun proceso que, por propia natureza e pola grande expectativa que xerou, se nos antollou en moitas ocasións lento de máis. En primeiro lugar o grupo promotor converteuse na imaxe pública á que se aderiron os centos de accionistas de todo o país, facendo que Sermos teña xa unha distribución territorial de propietari@s que nos singulariza con respecto a calquera proxecto destas características. Ao tempo, elaborouse o proxecto xornalístico e deseñouse o diario dixital e o semanario en papel que o público coñecerá neste mes de abril o primeiro e en maio o segundo. Un equipo de xornalistas traballou en definir as características dos medios, converténdose, ao tempo, en nó de comunicación dunha ampla relación de persoas colaboradoras.

Os focos informativos serán, como o noso proxecto, abertos pero cun ollar fixo no acontecer social, económico e político galegos. A cultura constituirá tamén un eixo de especial relevancia no noso traballo xornalístico , abrindo as nosas páxinas a tanta creatividade que agroma polo país e, ao tempo, pulsando a actualidade dun sector cultural que pasa por momentos complexos. Como nunca, precisamos nova enerxía para construír entre todos e todas un futuro para a nosa terra e ese convencemento está na orixe de Sermos Galiza.