Ribadeo conta cun “banco bo” de material ortopédico

Andadores plegábeis, varandas, asentos de bañeira, colchóns antiescaras, máquinas con motor ou grúas. Son algúns dos activos do banco de material ortoprotésico que poñen á disposición da veciñanza a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Ribadeo.
Ribadeo banco ortopédico
photo_camera Ribadeo banco ortopédico

Cun fondo inicial que conta con 6 andadores plegábeis, 6 pares de varandas, 8 asentos de bañeiras xiratorios, 12 colchóns antiescaras, 3 camas con motor, 5 grúas e 2 cadeiras de ducha con rodas bota a andar no Concello de Ribadeo o banco de material ortoprotéxico para persoas con autonomía limitada, unha iniciativa que nace a través dun convenio coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, en concreto, das Áreas de Benestar Social e deporte á fronte das que está o nacionalista Antonio Veiga.

“Este proxecto pretende organizar os préstamos deste material a pacientes con limitacións moderadas ou graves na súa autonomía persoal e con recursos económicos limitados; sempre coa finalidade de facilitar ás persoas coidadoras as tarefas de atención dos pacientes no domicilio, e a mellora da súa calidade de vida” sinalou Antonio Veiga na súa visita ao almacén municipal onde se garda o material adquirido, unha iniciativa que cobra máis valor nun momento no que, segundo sinalou, a aplicación do decreto da sanidade instaura o copago tamén nos materiais ortoprotésicos para a práctica totalidade da poboación. O material xestiónase a través do empréstito ás veciñas e veciños que teñan unha limitación da autonomía persoal e precise de axuda técnica domiciliaria. O banco créase a través da convenio entre a entidade local e provincial de 9.655,22 euros. .

Comentarios