ENTREVISTA CO FISCAL SUPERIOR DE GALIZA

"Precisamos unha unidade anti-corrupción galega"

O Fiscal Superior de Galiza pide axilizar a loita contra a corrupción para evitar unha excesiva distancia temporal entre a comisión dos delitos e o seu tratamento nos xulgados. Así mesmo, critica as ansias de protagonismo mediático dalgúns profesionais e considera que as irregularidades políticas e sistémicas “danan a democracia”. 

varela

Carlos Varela (O Carballiño, 1956) leva desde 2004 á fronte da Fiscalía Superior de Galiza, un posto que aspira a conservar nos próximos meses, cando se abra un proceso de elección adiado tras a dimisión do Fiscal Xeral do Estado, Eduardo Torres-Dulce, ao parecer por diferenzas co Goberno central. Figura recoñecida en todo o país; como ocorre cada vez máis no mundo da xudicatura, os problemas de corrupción téñenlle outorgado maior repercusión ás súas opinións e ao seu labor, onde ten sona de traballar con absoluta independencia. Non pode ser doutro xeito.

-Malia que no caso dalgúns xuíces xa vén de lonxe, a popularidade ou alta exposición mediática dos fiscais é algo máis recente, pero xa é constatábel, case sempre sendo reducidos a heroes ou viláns. É unha anomalía este feito? A que cre que se debe?

- Penso que se debe á aparición do populismo nos asuntos penais. Dáse cando os medios de comunicación visualizan que a noticia sobre o delito vende, dá lucro e acapara portadas. Algúns profesionais da xustiza (xuíces, fiscais, avogados) simpáticos ao populismo acaban por ser reféns das súas propias vaidades persoais, no afán de destacarse como homes ou mulleres de lei, e comezan a levar a cabo actuacións rechamantes, moitas veces absurdas, e pouco consecuentes cun exercicio profesional rigoroso e discreto. Trátase dun desafío de responsabilidade para todos os profesionais da xustiza, dos cales se espera unha actitude de discreción e autocontención, incompatible cos excesos da exposición pública ou do protagonismo mediatico desmedido.

-A corrupción é unha das principais preocupacións da cidadanía. Por que creceu tanto (ou polo menos creceu tanto como problema a ollos da poboación)? Dispoñen dos medios necesarios para combatela?

- Nestes primeiros anos do século XXI parece que estamos asistindo a un crecemento exponencial deste flaxelo que representa a corrupción. Así, por un lado o numero de casos noticiados ten crecido de unha forma diriamos avasaladora, por outro lado, o número de estudos en torno do problema teñen tamén aumentado. O crecemento e a sofisticación dos aparellos dos partidos políticos tornounos en sorvedores de avultadas sumas de diñeiro, sobrevivindo en función dos correspondentes procesos de financiamento, os cales parecen estar intimamente relacionados con algunhas das practicas de corrupción, nomeadamente da designada como grande corrupción, ocorrida a nivel das elites económica e política. Sabemos tamén da existencia de importantes “cifras negras” que aínda non teñen chegado ao coñecemento da xustiza. Precisamos, pois, de medios de combate baseados na detección precoz e preventiva destes ilícitos para evitar un fatal distanciamento temporal entre a súa consumación e o seu enxuizamento. Ao mesmo tempo, cómpre implementar unha metodoloxía adecuada para o tratamento desta criminalidade sofisticada e complexa por parte da xustiza penal. Non é posible conter estas condutas solo coa utilización de medios de investigación convencionais, o que implica adoptar unha actitude distinta da aplicada a delincuencia clásica.

A entrevista completa, ao teu dispor no número 130 do semanario Sermos Galiza, xa nos quiosques ou na nosa loxa

Comentarios