Unha ollada AFondo á memoria que nos move

Esta semana achegámonos a esa fascinante facultade que nos permite ter conciencia individual e colectiva, unha identidade, da man da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Faite con el na nosa loxa.

capa
photo_camera capa

"Falamos neste AFondo de proxectos que promoven a valorización do patrimonio cultural en xeral pero especialmente a visualización inmaterial, no que literatura popular de tradición oral ocupa un lugar senlleiro". Así nos presenta a Asociación de Escritores en Lingua Galega o caderno monográfico que Sermos Galiza edita esta semana. Oito páxinas arredor desa "fascinante facultade" que, din, "nos permite ter conciencia individual e colectiva". Isto é, identidade. 

Unha literatura, salientan, "case esquecida" mesmo "desprezada pola cultura dominante" mais que constitúe "o cerne da nosa identidade nacional" e, por ende, un dos alicerces da historia e cultura da Galiza. 

Coordenado por Antonio Reigosa, responsábel da sección de literatura de tradición oral da AELG, publicamos un caderno de análise sobre identidade e memoria coa ollada posta nas Xornadas que a Asociación organiza este 9 de novembro baixo o lema Historias, mitos e monstros do mar de Galiza e das que nos fala o propio presidente da AELG, Cesáreo Sánchez. 

Mais neste AFondo tamén afondamos nalgúns dos proxectos nados arredor do noso patrimonio inmaterial como o portal web, Galicia encantada, unha enciclopedia dixital da fantasía popular do noso país que nos amosa o antropólogo, Rafael Quintía Pereira. Mais tamén do arquivo que garda o Museo do Pobo galego, o Proxecto Ronsel ou o arquivo sonoro do Consello da Cultura galega.  

Achegámoste ás polafías e os aedos, dous exemplos da tradición oral galega

Aliás, achegámonos ás polafías unha pequena mostra da abondosa tradición oral galega da que nos falan José Manuel Pedrosa, profesor de Teoría da literatura na Universidade de Alcalá de Henares; e o escritor Isidro Novo. 

E non ficamos aí. Tamén falamos dos aedos modernos, es@s poetas épic@s da antiga Grecia que renacen na Galiza moderna e teñen o seu epicentro na Escola de narración oral de Lugo. Delas e eles fálanos o escritor e crítico literario Armando Requeixo. 

E que hai da nosa cultura aquí e acolá? Pois do universo cultural que partillamos falamos con Joan Soler, pedagogo e escritor catalán mais tamén coa Asociación cultural e pedagóxica Ponte...nas ondas!

Xa podes mercar o AFondo na nosa loxa.

Comentarios