Unha ollada AFondo para Manuel María

Presentamos un caderno monográfico arredor da figura e obra do poeta da Terra Chá. Un home normalizado nun país sen normalizar, como el propio se definía.

Coordenado por Marcos Loureiro, profesor de Lingua Galega no ensino medio e investigador, Sermos Galiza publica esta semana un AFondo arredor da figura e obra de Manuel María, a persoa máis prolífica e socialmente relevante da segunda metade do século XX na Galiza. 

Manuel María, un home normalizado nun país sen normalizar preséntanos 8 páxinas para (re)coñecermos o amigo, o poeta, o dramaturgo ou o letrista a través da escrita de persoas moi próximas a el. Xosé Luís Rivas 'Mini', Manuel López Foxo, Alberte Ansede, Camilo Gómez ou María Pilar García Negro achégannos o "poeta das xentes e das cousas humildes", o libreiro e o defensor da lingua, que sabía sempre --como din-- "materializar en versos, con exactitude, os sentimentos". 

Do Manuel, salienta o seu espírito combativo. O seu compromiso político recollido tamén neste caderno que visa ser unha pequena achega á súa memoria a piques de se conmemorar o seu aniversario. Desde a súa loita "inquebrantábel" co nacionalismo e a súa militancia política até o seu labor como ensaísta, narrador e articulista repasamos a prolífica vida deste poeta nacional. Da man do secretario da Fundación que leva o seu nome, Alberte Ansede, proxectamos a figura do Manuel cara ao futuro e conversamos verbo os obxectivos que dan sentido á existencia desta entidade. 

Aliás, publicamos dous poemas que Marica Campo e Pilar Pallarés dedicaron a Manuel María, pioneiro e construtor principal da literatura galega após a guerra civil. 

Comentarios