Unha ollada AFondo aos 15 anos de Implicadas

Este grupo de mulleres fundado en 1998 constitúe o primeiro espazo galego de cooperación crítica e feminista que visa constituír redes baseadas na autonomía das mulleres do Sur. Elas propias nos contan que é e que fai Implicadas no Desenvolvemento. 

capa

Coordenado por María Bragado, presentamos un caderno monográfico arredor destes 15 anos de traballo de Implicadas no desenvolvemento. Un grupo de mulleres impulsado por María Reimóndez alá en 1998. Mais Implicadas non é unha ONG ao uso. Esta organización promove a cooperación internacional de base crítica e feminista e o máis importante, visa contribuír á construción dun mundo máis xusto, solidario e equitativo a través de redes asentadas na autonomía das mulleres do Sul. 

Auto-organización e desenvolvemento

"Fronte ás mensaxes de caridade e as campañas masivas de captación de fondos sociais, a nosa organización móvese no próximo e no político, apelando ao sentido da xustiza", afirma a fundadora e vice-presidenta de Implicadas, María Reimóndez.

Desde esta premisa o grupo viaxa hai máis dunha década a Tiruchy (India). Esa experiencia nárraa Ilakkuvanar Ambalavanan, fundador e director de People's Developmentn Activities, organización coa que Implicada uniu forzas para iniciar un programa educativo para as crianzas, a alfabetización das mulleres, programas de sensibilización sanitaria e captación social e laboral das mulleres de Tiruchy. "O noso traballo", salienta Ambalavanan, "baséase en dar pé a que as mulleres se auto-organicen".

Cambio de papel

Mais Implicadas abrangue o traballo de infinidade de voluntarias por toda a Galiza. Con algunhas delas conversamos nunha dobre páxina cargada de experiencias de cuxo esforzo e compromiso emanan "un milleiro de maneiras de colaborar". Alicia Gómez, Carla Faginas, Tatuxa Conde, Eva de la Torre e Naiara González son unha escolma de todas as persoas que cambiaron de papel e participan activivamente con Implicadas. Entre elas atópase tamén a cantante Uxía Senlle quen colabora desde hai anos na organización de Cantos na Maré.

Mais non só as voluntarias teñen voz neste caderno. Tamén nos atopamos algunha das protagonistas do traballo de Implicadas. Este é o caso de N. Manimekalai, unha das protagonistas de Cambia de papel, o documentario co-dirixido por Luís Tosar, María Réimondez e Kutti Revathi. A cinta narra a capacidade de impacto das mudanzas individuais que presenta a actividade desta ONGD. 

Implícate!

Se queres coñecer máis devagar o traballo de Implicadas ao longo destes 15 anos merca xa na nosa loxa este AFondo. Aliás, Implicadas no Desenvolvemento está a desenvolver unha campaña de crowdfunding para obter financiamento co que afrontar os custos do festival Implícate. Podes facer a túa achega a través da seguinte ligazón.

Veñan máis 15!

Comentarios