O lixo en Galiza: unha ollada A Fondo

Após ser rexeitada polo Partido Popular a ILP para a aplicación dos principios de redución, reutilización e reciclaxe, abordamos a xestión de residuos en Galiza mais tamén botamos a ollada a outros modelos desenvolvidos para alén do noso país

Coordinado por María R. Lafuente, publicamos un caderno monográfico sobre a xestión de residuos. O Partido Popular rexeitaba hai apenas unhas semanas a tomada en consideración da ILP a prol da aplicación dos 3R (Redución, Reutilización e Reciclaxe). 

O partido maioritario no Parlamento segue adiante coa aplicación do “modelo SOGAMA” que apenas destina o 2% dos residuos á reciclaxe. Fronte a isto, dedicamos o noso caderno de análise a outros modelos máis ecolóxicos, baratos e solidarios que crean postos de traballo e xeran sinerxias positivas noutros sectores. 

Neste senso, achegámonos ao complexo medioambiental do Barbanza. Un proxecto que desenvolve desde hai 10 anos a reciclaxe e compostaxe nunha planta comarcal que abrangue un total de 9 concellos. 

Tamén, achegamos as experiencias doutras nacións. Neste senso, falamos con Iñaki Errazkin, conselleiro de Medioambiente na Deputación de Guipuzkoa e un dos impulsores do método de recollida 'porta a porta'. Criticado con dureza polo PP esta iniciativa ter por obxecto mellorar a separación selectiva e aumentar a reciclaxe. Baseado nos 3R este sistema está a acadar uns índices de reciclaxe do 80% e freou a construción dunha incineradora que fora prevista polo plan de residuos. 

Xunto ao sistema desenvolvido en Euskal Herria, conversamos con Joan Marc Simon, director executivo de Zero Waste un movemento de grupos de responsabilidade civil, ONGs, municipios, empresas... que traballan por un cambio de paradigma na xestión de residuos á fin de reducir a súa xeración. 

Oito páxinas para reflexionar sobre o modelo de sociedade no que vivimos mais tamén sobre aquela que aspiramos a construír. 

Comentarios