No nº67 do Sermos Galiza... 'siempre la lengua fue compañera del imperio'

A onde volve o PSdG? É Galiza o territorio que máis partidas recibe dos Orzamentos Xerais do Estado ou a Xunta está a nos vender fume? Por que o noso País deixou de ser líder nun sector económico onde foi referencia estatal? Sabes que hai dúas equipas galegas de balonmán feminino na elite estatal? Cantas mulleres editoras coñeces? A quen combatería hoxe Barriga Verde? Todas as respostas, neste semanario.

  • No Tema da Semana lembramos o 'bilingüismo' que defende o PP a través das declaracións de participantes na mobilización de Galicia Bilingüe do 8 de febreiro de 2009 e contactamos con organizacións en defensa da lingua de Euskal Herria, Catalunya, Catalunya Nord e as Illes Balears para trazarmos unha radiografía da situación do galego, o euskera e o catalán no ensino.
     
  • Na páxina de Análise metémoslle o dente aos Orzamentos Xerais do Estado e ás vellas trampas que lle permiten á Xunta vender fume: as partidas que veñen para a Galiza son repetición de promesas ou van destinadas a infraestruturas que non son unha prioridade.
     
  • Metémonos até as farmacias dos hospitais e ouvimos as demandas de doentes e persoal médico a respeito do repagamento de fármacos para combater enfermidades crónicas como a artrite, a hepatite C ou o cancro de mama. A orde vén de Madrid; a Xunta cala e outorga.
     
  • Na súa investidura, o novo secretario xeral do PSdG, José Ramón Gómez Besteiro, proclamou que "Volve o PSdG". Porén, a onde volve? Despexamos a incógnita.
     
  • E sen saírmos das páxinas de Política, abordamos tamén a reunión que esta cuarta feira, 2 de outubro, mantiveron o Bloque e Anova coa candidatura ás eleccións europeas na orde do día. Analizamos as posturas que cadaquen defendeu e debuxamos o panorama que se presenta na Galiza.
     
  • Só na comarca de Ferrol destruíronse nun lustro 1.500 empregos nun sector onde Galiza foi exemplo e referencia en todo o Estado español. Sabes cal é ese sector? E sabes por que o noso País xa non é líder? Contámoscho todo nunha dupla páxina dedicada a Economía.
     
  • Como protexemos a privacidade nas redes sociais de persoas achegadas en caso de falecemento? A resposta, na nosa sección de Tecnoloxía.
     
  • Entrevistamos o xornalista Unai Brea, redactor da revista basca Argia, quen nos describe a imaxe que do pobo galego hai en Euskal Herria, analiza a situación dos medios de comunicación en euskera e se posiciona ao redor da operación policial contra Herrira. 
     
  • Na elite do balonmán estatal están dúas equipas galegas. As dúas son de mulleres. Para coñecer algo máis delas podes ollar a nosa sección de Deportes.
     
  • Na reportaxe de Cultura presentámosche tres proxectos editoriais galegos dirixidos por mulleres nun eido onde poucos nomes teñen protagonismo público e son, na súa meirande parte, de homes.
     
  • O coordinador do Culturgal, Xosé Aldea, debulla as novidades da nova edición nunha entrevista que podes atopar tamén nas páxinas deste semanario.
     
  • Saimos de viaxe como en cada número, desta volta até Punta Fuciño do Porco.
     
  • Barriga Verde, o mítico personaxe creado por José Silvert, está de volta e foi até o Courel para parolar coa nosa Okapi na sección infantil do Sermos.
     
  • E levamos unha Contracapa para que se nos faga a boca auga! Xosé Lois Lamazares fálanos do seu proxecto empresarial, as galletas mariñeiras Daveiga.
     
  • Pasatempos, crítica literaria, crítica de cinema, un mergullo no proxecto Análise e divulgación de Cantares Gallegos e a axenda cultural para esta fin de semana. Todo isto e algunha cousiña máis en 32 páxinas!

Comentarios