Folga indefinida nos parques de bombeiros privados do país

O paro comezará o vindeiro 28 de agosto e supón unha ferramenta de loita contra "a impunidade", denuncian, coa que as empresas concesionarias pretenden mudar as condicións laborais d@s traballador@s

Bombeiros de 23 parques comarcais iniciarán unha folga indefinida o vindeiro 28 de agosto. Unha marcha a pé desde o aparcadoiro de San Lázaro (Compostela) dará comezo á folga. Ese mesmo día, @s bombeir@s concentraranse en fronte  da Dirección Xeral de Emerxencias situada na capital da Galiza.

"Impunidade" empresarial 

O colectivo de profesionais denuncian "a impunidade" coa que as empresas concesionarias tentan mudar as condicións laborais ao tempo que critican a Lei de emerxencias aprobada pola Xunta de Galiza --a proposta do grupo parlamentar do PP-- na que din, "non inclúe ningunha das suxestións realizadas polo persoal do ámbito ou as organizacións sindicais" representadas na mesa interprofesional. 

Bombeir@s denuncian que a Lei de emerxencias aprobada pola Xunta é "pobre e deficiente"

O marco normativo aprobado polo goberno galego é, ao entender do colectivo de bombeiros privados, "pobre" e "deficiente" e non fixo senón pular pola creación de novos parques de xestión privada na Galiza. Na actualidade 31 en todo o país. 

Desde CCOO denuncian que a Lei de emerxencias aprobada polo PP está guiada "unicamente" por "intereses económicos" e apuntan cara ao vice-presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como un dos "máximos responsábeis" do "caos nas emerxencias do noso país". 

O "disparate" das privatizacións
Desde o colectivo de bombeiros denuncian, asemade, o proceso de privatizacións iniciado polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Segundo CCOO estas supoñen "un disparate" ao deixan na xestión de entidades privadas os servizos provinciais de emerxencias e mesmo o dispositivo do 112.

Denuncian a privatización do servizo promovida polo goberno de Núñez Feijóo e exixen unha "xestión profesional e de calidade" nas emerxencias

O sindicato denuncia que este modelo de xestión privada deixa o servizo "con persoal escaso, mal remunerado, sen dereitos e sen formación específica e continua, alén da inicial". Polo que coa folga tamén exixirán "unha regulación que garanta unha xestión profesional e de calidade, cuns recursos humanos suficientes, preparados e profesionalizados".

Cumpre lembrar que a pasada segunda feira Bombeiros de Santiago denunciaban publicamente a "xestión ineficaz" que a Axencia galega de emerxencias fixera do sinistro de Angrois responsabilizando directamente á Xunta de Galiza do "caos" que se viviu no operativo despregado o pasado 24 de xullo. 

Comentarios