Feijóo tenta deixar atrás o escándalo das fotos con Dorado con críticas cosméticas a Rajoy

Feijóo tenta manterse na carreira. Nunha visita a Barcelona, lanzou críticas cosméticas a Rajoy en pleno acoso de Esperanza Aguirre ao presidente do Goberno español.

Feijóo e Rajou na súa xuntanza en Moncoloa [Imaxe: Moncloa]
photo_camera Feijóo e Rajou na súa xuntanza en Moncoloa [Imaxe: Moncloa]

Feijóo non tira a toalla e mantense no cuadrilátero. Como Rajoy, pensa que o tempo xoga ao seu favor. Fía todas as súas aspiracións ao poderoso cinto mediático que o protexe en Galiza e á evidencia de que, embora estea tocado polo escándalo das súas fotos co narcotraficante Dorado, o aparato de Génova tampouco ten un fondo de armario tan amplo como para desbotar por inteiro a opción do presidente da Xunta. Os fieis a Feijóo confían en que a vertixe con que os acontecimentos se van producindo -marcados agora polos constantes apelos a un pacto de Estado PP-PSOE- vaia sepultando as inoportunas imaxes da súa amizade co capo da mafia.

En todo caso, Feijóo foxe cara adiante. Está a viver sen dúbida as súas piores semanas como presidente. Non é só Dorado. É tamén Pescanova, a quebra da multinacional viguesa presidida por un executivo ao que Feijóo -como Fraga no seu tempo- ten posto polas nubes en demasiadas ocasións, o paradigma do empresario galego de suceso de acordo coa cosmovisión feijoniana. E é ainda Barreras. Ten mala venda que vaias a México a contratar dous floteis e que voltes sen eles e coa empresa matriz vendida por apenas 6 millóns de euros a unha empresa estatal estranxeira.

Rajoy xoga con varias barallas e continúa a ter un claro aliado na secretaría xeral do PSOE. Rajoy e Rubalcaba necesítanse mutuamente

O estilo do presidente da Xunta, afirman sempre no seu entorno, non é o de Rajoy. Nunha situación similar, Rajoy hibernaría. Feijóo, non. Feijóo vai ao contra-ataque. Continúa a ter a Moncloa entre cella e cella. E continúa a ter a Esperanza Aguirra no visor. Se a ex presidenta de Madrid entra en escena -atacando Rajoy por incumprir o programa co que o PP concorreu ás eleccións-, el non é menos e reclama tamén a súa dose de protagonismo. As súas críticas, claro, son moito máis tépedas. Repróchalle ao presidente do Goberno español que o Executivo non ten "relato", é todo un clásico reducir os problemas políticos a problemas de comunicación. Censúrao tamén por non reunir con máis frecuencia os presidentes das comunidades autónomas. Outro dardo epidérmico. Feijóo non vai entrar en confronto directo con Rajoy porque aínda acredita que o político de Pontevedra pode pintar moito na decisión sobre quen eventualmente o fose relevar.

Mais Rajoy xoga con varias barallas. E continúa a ter un claro aliado na secretaría xeral do PSOE. Rubalcaba está estes días a reafirmar a súa aposta nun pacto de Estado, unha operación destinada a reforzar o seu propio perfil político. Rajoy e Rubalcaba necesítanse mutuamente. Non se entenden o un sen o outro. A Rajoy acósao Esperanza Aguirre, Rubalcaba xa non ten só sobre el a sombra de Carme Chacón: agora agarda tamén quenda Eduardo Madina. Rubalcaba, como Rajoy, é un supervivente nato. Hai un terceiro actor en escena. Nada irrelevante. O Borbón. A súa recente apelación ao pactismo de Estado -o monarca reclamou a PP e PSOE un pacto polo emprego- non deixa de ser un apelo claro a salvar o réxime político xurdido do pacto entre reformistas e franquistas.

Para non botarmos en falta a ninguén, o ex presidente Felipe González tamén entrou en danza. Coas cousas de comer non se xoga, dixo en relación a unha eventual posta en cuestión da Monarquía. González vai agora do ganchete do presidente estremeño, Monago, o político do PP que chegou ao poder grazas a Izquierda Unida. Monago tamén defende un pacto de Estado e a curiosa tese de que hoxe non hai políticas nen de esquerda nen de direita, na máis pura tradición do ministro franquista González de la Mora, o autor de El Crepúsculo de las Ideologías.

Feijóo, portanto, xoga as súas bazas nunha partida a moitas bandas. Tantas que até está polo medio o ministro Gallardón, tido por progre durante anos grazas á imprensa afín ao PSOE e que agora tenciona reivindicarse como direitista perante a súa freguesía máis integrista, ultramontana e sectaria. Están todos os actores sobre o palco? Non aínda. Fica un nos camerinos, agardando tal vez un golpe de efecto, o candidato perfeito para interpretar o papel de cirurxán de ferro. O home dos Azores. O home de Georgetown. O home que Fraga non quería na presidencia do PP.

Comentarios