A taxa de actividade en Galiza, 4 pontos inferior á española

Moi maos dados para Galiza na EPA. Concluímos 2012 con máis de 277 mil persoas no paro. Decembro rexistou unha queda da ocupación do 4,38 por cento. No noso país hai perto de 100.000 fogares con todos os seus membros no paro

O pior dado para Galiza é a baixísima taxa de actividade do mercado laboral. Só o 55,22 por cento da populación potencialmente activa ten traballo neste momento. No Estado español é o 59,80 por cento, case 5 pontos máis.

A taxa de desemprego en Galiza fica nos 21,28 por cento e xa son máis de 277.000 persoas as desempregadas na Galiza. No que atinxe ao conxunto do Estado, a cifra de desempregad@s roza os seis millóns, situándose en 5.965.400 persoas. Xa é o estado da Unión Europea con máis paro.

No conxunto do Estado xa son 1.833.700 os fogares que teñen todos os seus membros no paro. Na Galiza son perto de 100.000

Outro dato preocupante que amosa a Enquisa de Poboación Activa, EPA, do cuarto trimestre de 2012 é que no conxunto do Estado xa son 1.833.700 os fogares que teñen todos os seus membros no paro, 258.700 fogares máis que hai un ano. Así pois, os fogares con todos os seus membros no paro aumentaron nun 28% nestes doce meses e na Galiza xa son perto de 100.000. En concreto, 91.900.

A isto hai que engadir que, segundo os datos da EPA, sinalan que hai 29.300 fogares na Galiza na que ningún dos seus membros percebe ingreso algún.

Daqueles pós, estas lamas

Estes dados revelan que a reforma laboral do Goberno Rajoy non está a reactivar o mercado de traballo. Tampouco as políticas de recortes promovidas por Feijóo son quen de inverter a tendencia.

Feijóo tomou posesión o 14 de abril de 2009. Naquela altura, Galiza tiña un 12% de desemprego na poboación activa. Catro anos despois as persoas desempregadas superan xa o 21 por cento. Durante o primeiro mandato Feijóo o número de desempregados pasou, segundo os datos da EPA (Enquisa de poboación activa) proporcionados polo Instituto nacional de estatística (INE), de 170.000 a perto de 276.000. Un incremento do 61% en persoas sen emprego. Durante o goberno do PP houbo unha media de 86 persoas que ficaron cada día desempregadas. Máis de tres cada hora.

CIG. "Datos demoledores"

Os datos da EPA do IV Trimestre son, para a CIG, "simplemente demoledores e retratan unha situación que só se pode cualificar como dramática”. Tal é así que 21.700 persoas perderon o seu posto de traballo neste período, "241 diarias, ou o que é o mesmo, máis de 10 persoas por hora". Desde que se comezou a destruír emprego, no ano 2008, perdéronse en Galiza un total de 160.700 postos de traballo. De media, 43.600 só neste último ano. Á vista dos datos, o número de parados incrementouse en Galiza, desde o ano 2008, nun 136%.

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Guillerme Vázquez, subliñou que os datos da EPA son a “evidencia da inutilidade e o fracaso da política da austeridade que defende Feijóo”.

“Son a crónica dun desastre anunciado”, afirmou Guillerme, “esta é a consecuencia práctica das políticas do señor Feijóo e estas cifras evidencian a necesidade dun cambio de rumbo urxentísimo no que Galiza ten que ter capacidade de decisión real”.

Mentres, desde AGE, aseguran que as cifras do paro son a mostra da incompetencia da Xunta e do fracaso das políticas de ‘austericidio’. O voceiro do grupo parlamentar, Xosé Manuel Beiras, lamenta que o PP reaccione á situación actual decindo que Galiza está mellor que outras comunidades porque “como dí un refrán castelán :mal de muchos, consuelo de tontos”

Comentarios