Unha concentración diante da Consellaría inaugura as mobilizacións do novo curso

Na mesma mañá en que 200.000 nenos e nenas volvían ás aulas en infantil e primaria, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público concentrábase diante da Consellaría de Educación para esixir a retirada da LOMCE ademais de denunciar os recortes, que medraron tamén neste novo curso. 

Concentración da Plataforma
photo_camera Concentración da Plataforma

Unha concentración diante da Consellaría de Educación serviu de pistolada de saída para un curso que se prevé movido e que ten no horizonte a próxima manifestación convocada para o 28 de setembro. 

A Plataforma entregou un escrito dirixido ao Conselleiro no que lle reitera a demanda da comunidade educativa de retirada da LOMCE. Por medio de grandes letras, construíron as lendas “Non aos recortes na educación” e “retirada da LOMCE”, cernes das convocatorias deste inicio do curso. 

Os recortes repercuten directamente nas economías familiares segundo a Plataforma e, desta maneira, a limitación da gratuidade nos libros de texto, o novo decreto de comedores, a suba das taxas universitarias, a redución de bolsas ou a suba de matrículas bota fora do sistema educativo a unha parte da sociedade que non pode asumir os gastos do novo curso.  “A Consellaría vai cobrar máis de catro euros por un menú que costa pouco máis de dous euros” dixo Elvira Lombao da Federación Provincial de ANPAS de Lugo (FAPACEL)  ao denunciar que o novo decreto de comedores nega a gratuidade mesmo a alumnado que ten que ir en transporte escolar e o precisa. 

Profesorado sen traballo, máis de 700 docentes que impartirán materias das que non son especialistas, 15 centros menos e 64 unidades suprimidas son os datos que manexaron nesta mañá na que, pola contra, volvían denunciar que os recortes non chegaron ao concerto con centros privadas con 40 unidades máis e 18 ciclos formativos novos mesmo en centros que segregan alumnado, malia a sentenza xudicial que o impide.

Comentarios