Centos de persoas afectadas por unha presunta fraude nas axudas da Xunta para reforestación

O Xulgado de Corcubión está a investigar unha empresa por uns feitos no que poderían estar implicados administración e entidades financeiras. A Fruga exixe que se vaia até o fondo neste asunto e se diriman responsabilidades

Piñeiral na Costa da Morte
photo_camera Piñeiral na Costa da Morte

Varios centos de veciños e veciñas da Costa da Morte estarían afectad@s por unha presunta fraude na concesión de axudas para traballos forestais. Unha situación que está a xerar un crecente malestar na veciñanza desa comarca e que pode ter graves consecuencias, pois na mesma poderían estar implicadas desde a administración autonómica até entidades financeiras da zona, segundo os denunciantes. O xulgado de Corcubión está a investigar unha empresa presuntamente implicada nos feitos, destapados pola Federación Rural Galega (Fruga).

A fraude sae á luz a raíz de que propietarios de montes na Costa da Morte decatáronse 'por casualidade' de que eran beneficiarios de axudas da Xunta que nin tiñan solicitado nin tampouco recibido.

Contas fraudulentas

Os cartos desas subvencións, unha vez concedidas, serían ingresados en contas bancarias presuntamente fraudulentas, abertas a nome deses propietarios sen eles o saberen. E mesmo esas actuacións de repoboación terían sido certificadas por técnicos como feitas, a pesar de non se teren,levado a cabo.

A Federación Rural Galega informa de que ao redor dun cento de persoas afectadas pola presunta fraude na xestión e cobro de axudas para traballos forestais reuníronse en Buxantes (Dumbría) para definir un calendário de protestas.

O obxectivo, sinalan desde a Fruga, é lograr unha resposta da Xunta “às demandas dos e das afectadas, asi como a resolución dun conflito que pode afectar a vários centos de veciños e veciñas da Costa da Morte”.

Os e as participantes do encontro amosaron a preocupación, xa que moitos dos presentes eran coñecedores e coñecedoras da imputación de grandes cantidades de cartos en concepto de subvencións forestais para traballos en leiras que nin son da sua propiedade, e que eran directamente cobradas pola empresa imputada desde o Xulgado de Corcubión.

Responsabilidades da Xunta

A Fruga afirma que tanta ou máis indignación que o proceder dos empresarios denunciados causa “tanto a implicación das entidades bancarias, como a propia responsabilidade da Xunta en todo este proceso”.

Este sindicato entende que é imposíbel que desde a administración non se tivese ningunha sospeita ao respecto da tramitación fraudulenta destas axudas, “polo que todo parece indicar que alguén poderia ter colaborado con esta trama desde a propia administración, o que fai necesario que desde esta se inicien os trámites para depurar responsabilidades e averiguar a implicación de distintos funcionarios e funcionarias neste entramado fraudulento”.

Como conclusión á asemblea, foi  definido un calendario de mobilizacións encamiñado a denunciar publicamente esta situación e así presionar á administración, nomeadamente á Conselleria de Medio Rural e Mariño, para que, por unha banda, dea a cara e responda ás numerosas interpelacións, tanto às solicitadas polos denunciantes como as interpostas no proprio Parlamento Galego por mediación do grupo parlamentar do BNG.

Investigación a fondo

Ademais solicitarase, independentemente da vía xudicial, unha investigación a fondo do acontecido e unha solución colectiva ao problema creado.

Desde a Federación Rural Galega advirten que estas primeiras accións non son senón o inicio dunha campaña para esclarecer definitivamente o acontecido coa tramitación e adxudicación destas axudas, “máxime se temos em conta os sucesivos e importantes retallamentos que se están a aplicar sobre outras axudas agrarias e que afectan enormemente á actividade dos homes e mulleres do noso rural”.

Sería un auténtico escandalo, afirma a Federación, que mentres a adminitración autonómica e central chama a “apertar o cinto” en nome da austeridade, “entramados mafiosos” como este estean a "lucrarse de cartos públicos con total impunidade".

Comentarios