A “carga de dignidade” dunha comarca en 27 minutos

Persoas de toda a comarca, de todas as idades, de distintos oficios penduraron un día a súa roupa nas longas reixas de Navantia en Ferrol. Respondían á chamada de Radio Buguina para construír colectivamente unha imaxe: a da dignidade. O documental pódese ver xa na rede. 

A reixa de Navantia coa roupa pendurada
photo_camera A reixa de Navantia coa roupa pendurada

A potencia da imaxe e o seu carácter evocador era inmenso. Centos de persoas penduraran as súas roupas usadas na inmensa reixa de Navantia, seguindo a iniciativa dos primeiros buzos que eran símbolo daquelas que ían quedando sen traballo. 

Os buzos, xa sen uso, colgados na reixa levaron a que Radio Buuuuguina, o colectivo creado para a ocasión, ideara unha mobilización singular, colectiva, participativa, artística e cunha grande forza emocional. A cita foi o 2 de xuño do pasado ano, cando centos de persoas acudiron á chamada coas súas roupas, de pouca e máis tamaño, de tronco e de pernas, ou mesmo vestimentas enteiras, como os uniformes de traballo dos propios estaleiros, moitos deles, gardados en caixas despois de perderen a súa funcionalidade. Co apoio de máis de trinta entidades sindicais, políticas, sociais e culturais participaron e apoiaron a acción artística e de denuncia. 

En Radio Buuuuguina creadores como Pepe Barro, Pepe Galán ou Xurxo Souto entusiasmáronse coa proposta popular e coa intensidade da mensaxe de dignidade da comarca enteira. Xosé Bocixa gravou todo o proceso e ,daquelas imaxes, xunto con testemuñas de promotores e outras persoas implicadas na protesta social en Ferrol naceu o documental “Carga de Dignidade”, 27 minutos que narran a elaboración de construción do singular mural con centos de mans que puxaron e deron até as súas roupas polo futuro da comarca. 

Comentarios