Beiras defende a "a creba restauradora da democracia" coa cidadanía como protagonista

O portavoz de AGE puxo a énfase en que Galiza é unha nación e non un territorio como pensaría o PP. Beiras, que en todo momento se referiu ao presidente da Xunta como Núñez, ve o Estado español como un protectorado de Alemaña e defende un proceso de "creba restauradora da democracia" cos "cidadáns" como protagonistas. Beiras reivindicou o legado do nacionalismo e a esquerda, desde a UPG até o PCG.

Beiras, nunha foto de arquivo
photo_camera beiras

Un protectorado do IV Reich. Iso sería o Estado español. E o PP goberna Galiza como zipaios que lle negan a súa condición de nación, argumentou Beiras nun discurso trufado de referencias á necesidade de superar o réxime borbónico.

"A dinámica política que os seus amos impoñen -díxolle a Feijóo- lonxe de ser democrática e ascendente é autoritaria e descendente", dixo Beiras, quen cualificou os poderes do rexime como "despóticos".

Un enterrador frustrado

"Vostés ametrallan a fráxil armazón do autogoberno de Galiza", acrecentou, non sen antes referirse ao noso país como o Liliput galego. "Vosté pasará a historia como un enterrador, pero como un enterrador frustrado porque o noso país é inmorredoiro", engadiu o portavoz de AGE, que citou a eito a Castelao e Otero Pedraio.

Beiras descualificou a xestión de Feijóo ao frente do Goberno, até o ponto de mudar o cualificativo que lle adxudicara ao comezo da lexislatura -brigada de demolición- por un aínda máis contundente "comando especial de exterminio".

A respeito da oferta de diálogo formulada por Feijóo, Beiras non lle concedeu a menor hipótese de se materializar: "O consenso consiste para o PP en que os demais digamos amén ao que o PP propoña. Se non pasamos polo aro, entón somos os do non".

Non quixo facer un relatorio polo miúdo do que cualificou como "agravios" do PP a Galiza, mais si que se referiu á decisión da Xunta de non alegar nada contra o decreto eólico -mentres se financia con 700 millóns de euros a Gas Natural-Fenosa, dixo-, ben como glosou a política de subsidios ao ensino privado ao tempo que se retalla a escola pública ou aludiu a conflitos laborais como o de T Solar...

Si hai alternativa

Beiras deitou unha mensaxe esperanzadora: "Hai esperanza porque hai alternativa á actual barbarie. Sempre o nacionalismo e a esquerda galega alumearon", dixo, e a seguir reivindicou o legado de Rosalía, Manuel Antonio, Ferrín, Bóveda, a achega anarquista, a UPG, o PSG, "todo o que veu despois", "pero tamén o Partido Comunista de Galicia, as Comisións Obreiras ou as Comisións Labregas nacionalistas".

O portavoz de AGE mostrouse certo de que "a cidadanía galega" será motor da "creba democrática" non só no "recinto galego, senón tamén no ámbito peninsular", na conquista do que cualificou como "soberanía popular no sentido propio".

Rebelión cívica, a iso chamou Beiras, unha revolta contra "este réxime putrefacto".

Comentarios