Feijóo pide que non se faga seguidismo do soberanismo de Catalunya

As forzas da oposición só ven “auto-compracencia” nun discurso de Núñez Feijóo que, din, “semellou o de investidura”. Francisco Jorquera, Xosé Manuel Beiras e Abel Losada consideraron “noxenta” e “insensíbel” a intervención do presidente da Xunta. O xefe do Executivo galego pediu que "ningunha forza" política faga "seguidismo" do soberanismo de Catalunya. 

Cámara
photo_camera Feijóo nun intre do seu discurso

“Que convoque eleccións e comprobe se a cidadanía o apoia”. Así de taxativo se amosou o portavoz do grupo parlamentar de AGE, Xosé Manuel Beiras, á saída do hemiciclo após rematar o discurso do presidente da Xunta de Galiza no debate sobre o estado da nación. 

Os grupos da oposición tildaron a intervención do líder do executivo galego como “auto-compracente”, “prepotente” e “noxenta”. Calquera “parecido coa realidade é simples casualidade”, ironizou o voceiro do BNG, Francisco Jorquera. 

Feijóo carga o seu discurso de promesas lexislativas
Nengunha das forzas políticas –agás o Partido Popular-- concordou con Alberto Núñez Feijóo nun discurso cargado de promesas e compromisos lexislativos que o mandatario galego dixo “adquirir” c@s galeg@s para esta lexislatura e que para os grupos da oposición reflectiron máis "un discurso de investidura" do que un debate sobre o estado da nación. 

Até 46 medidas anunciou Alberto Núñez Feijóo durante a súa quenda de intervención que se prolongou durante pouco máis de dúas horas. Iniciativas lexislativas "cosméticas", sinalou Albel Losada polo grupo socialista. 

Feijóo optou por lanzar anuncios lexislativos na súa intervención, considerada pola oposición propia dun "discurso de investidura" 

Unha focaxe, a que deu Feijóo á súa intervención, que foi criticada polos grupos da oposición ao considerala “unha fuxida cara adiante” na que “en troca de revisar as súas políticas” nun exercicio de “autocrítica”, aseverou o voceiro do BNG Francisco Jorquera, optou por presentar unha ringleira de leis propia, sinalou Abel Losada, “da xestión tecnocrática da dereita”. 

“Só lle faltou unha lei para asegurar a felicidade da xente”, brincou o nacionalista Francisco Jorquera á saída do pleno da Cámara en relación aos anuncios feitos por Núñez Feijóo que, asemade, acrecentou Abel Losada, estivo cargado de “retórica”. Reducións no IRPF, un novo modelo forestal, un canon mineiro, un plan estratéxico para a xestión dos fondos europeos destinados á innovación... Unha por unha foi anunciando as leis que, di, promoverá o seu executivo, mais que moitas delas xa foran prometidas no período anterior. 

“Fala de desenvolvemento do sector eólico”, sinalou o voceiro do Bloque, “mais onde están os postos de traballo que se ían crear co concurso eólico?”. Excusas, denunciou a oposición, “dun mal xestor” que “tenta enganar os seus accionistas e traballadores”. Esa, insistiu Abel Losada, “é a estratexia exacta” de Feijóo. 

"Só lle faltou anunciar unha lei para asegurar a felicidade da xente", retrucou con retranca Francisco Jorquera

As afirmacións feitas polo presidente durante a súa intervención en que asegurou que Galiza “comezará a medrar” e “crear emprego” en 2015 foron tildadas de “insensíbeis” e mesmo de “noxentas” --segundo o portavoz de AGE, X.M. Beiras.

Neste senso, o presidente da Xunta de Galiza xustificou a xestión desenvolvida polo seu goberno na “coalición asinada cos galegos” nas eleccións do pasado 21 de outubro. Porén, insistiron desde os grupos da oposición, “o pasado de Feijóo deixa ver que non ten ningún futuro”. 

Unidade do Estado español
O líder do executivo galego dedicou o tramo final da súa intervención a se referir ao “debate territorial”. En clara alusión ao proceso independentista iniciado en Catalunya e ao debate soberanista que visa impulsar o BNG, Alberto Núñez Feijóo circunscribiu unha posíbel revisión do modelo aos límites fixados na Constitución de 1978  e mesmo convidou a que “ningunha forza política” tente facer “seguidismo” das aspiracións soberanistas catalás en Galiza.

Feijóo animou a que "ningunha forza" faga "seguidismo" do soberanismo catalán en Galiza

Forzas, acrecentou Núñez Feijóo, “que se afanan por destruír” o marco constitucional en contra, dixo, da vontade maioritaria da cidadanía que –ao entender de Núñez Feijóo-- defendería o actual modelo territorial. “Reforcemos sen destruír”, insistiu o presidente, “melloremos sen cuestionalo todo”. 

“A súa grande preocupación”, criticou nos corredores do Pazo do Hórreo o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, “é preservar a unidade de España cando o que está en perigo é a propia supervivencia de Galiza como país”. Un exercicio de “insensibilidade”, considerou Jorquera fronte ás preocupacións reais da cidadanía. 

Angrois

Alberto Núñez Feijóo comezou e rematou de igual maneira a súa intervención. “Erixiuse en portavoz dunha traxedia da que son responsábeis os seus colegas” de Renfe e Adif, denunciou X. M. Beiras. Para o voceiro de AGE, as constantes apelacións ao sinistro ferroviario de Angrois durante a intervención do presidente da Xunta “descualifican a calquera persoa no plano da ética”. 

“Hai que ter un estómago de caucho”, sentenciou Beiras, “para usar as vítimas e veciños” que Feijóo mesmo definiu como “espírito de Angrois” nunha referencia que lembrou ao “espírito de Ermua” após o asasinato de Miguel Ángel Blanco. 

“Un recital”, insistiron desde AGE, “de falta de escrúpulos”. 

Comentarios