Jorquera: "@s galegos claro que podemos, sempre que outros non decidan por nós"

A soberanía é que un país decida en función dos seus intereses, que outros non decidan por nós. Sen ela Galiza non ten futuro. Ese foi o eixo do discurso de Jorquera ante Feijóo. Antes de profundar no asunto soberanista, o portavoz do BNG invocara a pantasma de Marcial Dorado, non citado por Feijóo na súa alocución matutina. O dirixente nacionalista fixo un durísimo alegato contra a xestión do líder do PP galego: "Usa as vítimas de Angrois para tapar os seus fracasos".

Francisco Jorquera
photo_camera Francisco Jorquera, na tribuna do Parlamento

"Vosté e eu debemos viver en países distintos", dixo Jorquera após facer unha breve referencia ao discurso pronunciado por Feijóo no pórtico deste debate. O portavoz nacionalista -que botou man de fragmentos de poemas de Rosalía para ilustrar os problemas endémicos de Galiza- debullou unha fervenza de dados que mostran até que ponto o Goberno do PP non ten balance de xestión que presentar. "Nos próximos dez anos Galiza perderá 130.000 habitantes. Máis de 60.000 mozos e mozas tiveron que emigrar nos últimos días. Xa hoxe as persoas ocupadas representan menos da metade da populación", dixo, alén de o acusar de ter multiplicado "por tres" a débeda pública galega.

"Hai pais que non poden dar de comer aos seus fillos e vostés introducen o repagamento nos comedores escolares. Esa é a súa sensibilidade social", atacou Jorquera a Feijóo, ao que atribuiu tamén unha política represiva contra os coletivos que se moven en defensa dos seus dereitos. "Vostés están a coser a multas ás vítimas" do calote das preferentes, alegou.

Para Jorquera, Feijóo máis que un gobernante é "un frío contábel". "Impórtanlle máis os números que as persoas", dixo.

O portavoz nacionalista cargou contra Feijóo pola súa sumisión a Madrid. "Ten vosté unha proposta fiscal distinta á que lle dite Rajoy?, señor Feijóo porque o BNG si ten unha: plena autonomía fiscal", alegou Jorquera, para quen a posta en práctica en Galiza do concerto económico é a única forma de evitar que "tamén emigren os nosos impostos".

"A territorialización do imposto de sociedade reportaría bastante máis de 1.000 millóns de euros á nosa facenda. Esta é a proposta do BNG. Cal é a súa, señor Feijóo?", perguntou Jorquera.

Rexeneración

O portavoz nacionalista puxo en cuestión a vontade de diálogo de Feijóo expresada polo presidente do goberno na sesión matutina do debate. "Vostés traizoaron o consenso co decreto lingüicida", dixo, antes de evocar a frase de Castelao segundo a cal "se ainda somos galegos é por obra e graza do idioma". "Si, señor Feijóo, Castelao, o das medallas, sóalle?", ironizou Jorquera.

"Vosté non é críbel. Non ten palabra. Non cumpre nunca os seus compromisos. Véndenos como un éxito do seu goberno que os esteleiros galegos estean entre os 11 seleccionados no concurso de Pemex. Vosté enganou a sociedade galega. Dixo que os contratos con Pemex eran firmes e agora sabemos que iso é absolutamente falso", alegou o portavoz nacionalista.

Jorquera cuestionou o alegato de Feijóo a prol da rexeneración democrática. Non pode arrogarse a bandeira rexeneracionista, dixo o portavoz do BNG, quen non deu aínda explicacións satisfactorias sobre a súa relación con Marcial Dorado nen tampouco ten tomado ningunha medida perante ao que cualificou de "marbellización" do concello de Santiago, en alusión á imputación por prevaricación da práctica totalidade do goberno local.

Cómplice do espolio

Feijóo é "cómplice do espolio" que sofre Galiza, dixo Jorquera e puxo como exemplo a situación de Novagaliciabanco. "NGB vai ser vendida aínda que sexa sistémica para Galiza, mentres Bankia non o será porque o é para o Estado español", alegou. Concluíu así que "o que é vital para Galiza non é para España. Ese é o noso problema. E pasa coa súa cumplicidade. Vosté actúa como cómplice necesario para o espolio deste país".

Crise irreversíbel

No tramo final do seu discurso, Jorquera sentenciou o Estado das Autonomías, ao que ve "nunha crise irreversíbel". "Non son adiviño e non sei como acabará o proceso aberto en Catalunya ou o que se abrirá máis cedo que tarde en Euskadi, mais sei que Catalunya e Euskadi si terán un novo status, un amplo espazo de libre decisión", dixo. Se Galiza non está niso neste momento é porque o seu goberno é cómplice da nosa dependencia política, argumentou Jorquera.

"O actual marco político está esgotado. Hai que superalo. Hai que ir cara á un cambio de réxime, cun cambio de réxime co centro de gravedade en Galiza", arengou o portavoz nacionalista, para quen "non é posíbel corrixir as brutais desigualdades da globalización sen apostar por soberanía".

"Se non tes un poder político propio, non pintas nada. Outros deciden por ti. Claro que @s galegos podemos, sempre e cando outros non decidan por nós", concluíu.

Comentarios