Un AFondo para a cultura de base

Esta semana Sermos Galiza presenta un caderno monográfico arredor dos proxectos e iniciativas culturais que visan resistir e combater os agravios á historia, lingua e tradicións galegas. A través dunha escolma de asociacións, agrupacións e colectivos sociais revisamos o labor a prol do mantemento e recuperación da nosa cultura desde a base. Faite con el na nosa loxa

Algunhas expresións da cultura popular galega terían os días contados de non ser polo traballo desenvolvido polas asociacións, agrupacións e colectivos sociais que se extenden ao longo e ancho do país. Este caderno visa presentar unha escolma desa labor e dalgúns dos colectivos máis antigos –e máis novos—que pulan pola recuperación e mantemento da cultura de base, aquela feita por e para quen lle dá razón de ser. Desde o deporte, á música, pasando pola inesgotábel labor a prol das tradicións máis senlleiras ou o patrimonio, as asociacións culturais deste país desenvolven milleiros de iniciativas cun obxectivo común, resistir e combater os agravios á cultura galega. 

Da man de proxectos como a AC O Galo revisamos o medio século de loita cultural. O canto desta agrupación leva resoando na capital da Galiza desde 1961 como "unha forma eficaz de oposición" primeiro ao réxime franquista e hoxe "fronte un españolismo constituído como ideoloxía oficial e indiscutíbel". Xunto a esta, outras moitas asociacións e colectivos sociais agromaron no noso país para pular polo asociacionismo e activismo cultural. 

Botamos man dalgúns proxectos --poucos en relación co froitoso tecido asociativo deste país--  que manteñen aceso o facho da cultura popular galega

Desde o traballo de Eme de Meira no rural de Lugo até o labor de recuperación da nosa memoria en Vigo ou Ferrol, botamos man dalgúns proxectos --poucos en relación co froitoso tecido asociativo deste país-- que  a día de hoxe continúan activos mantendo aceso o facho das expresións culturais que non se envolven en grandes luxos nin gozan de grandes palestras mais que constitúen o cerne da cultura popular galega.

A AC O Medulio, CS A Revolta, AC Alexandre Bóveda, AC Cultura do País, Fundaçom Artábria e o Proxecto Peixe trázannos un pequeno percorrido polo movemento asociativo cultural da Galiza. 

Comentarios