A Xunta segue sen convocar o padroado do CGAC cinco meses despois da data en que sitúa a renuncia de De Sousa

Fernández de Sousa tería presentado a súa carta de demisión como presidente do CGAC hai cinco meses e Gayoso e Méndez apenas un mes despois. Esas son as datas oficiais que a Consellaría de Cultura e Educación desvela agora, sen explicar por que leva cinco meses sen convocar un órgano descabezado que aínda agora seguen sen data para a próxima xuntanza. 

cgac
photo_camera cgac

A Consellaría informa agora das datas das renuncias de Fernández de Sousa, Gayoso e Méndez aos seus postos de presidente e vogais do padroado do CGAC, respectivamente. O presidente de Pescanova tería presentado a carta a Xesús Vázquez o 12 de novembro e os ex-presidentes das caixas un mes despois. Cinco meses despois da data que a Xunta comunica agora, segue sen convocar o padroado do centro de arte. 

A Consellería de Educación e Cultura deu á axencia EFE finalmente as datas que oficialmente recoñecen para a demisión dos tres padróns do CGAC que levaron á ruína tanto Pescanova como as Caixas. A versión do departamento da Xunta do que depende o centro dirixido por Miguel von Hafe  distancia o día no que Fernández de Sousa tería presentado a súa carta de renuncia ao posto de Presidente do Padroado do estoupido do conflicto de Pescanova e da data na que tería aproveitado a información para vender ás accións da empresa, o que pode ser constitutivo de delito e vai estudar agora a fiscalía. 

A solicitude de dimisión de Fernández de Sousa só trascende ao público despois da información publicada en Sermos Galiza na que se demostra que nunca fora cesado polo Consello da Xunta, órgano que o nomeara en 2011 como se pode comprobar tamén na publicación no DOG. Desde entón, ningunha publicación oficial, nin siquera o Consello da Xunta, tomou coñecimento oficial da dimisión que agora a Consellaría sitúa hai cinco meses, a moita distancia de que o nome de de Sousa se vira envorcado na crise de Pescanova.

5 meses despois da renuncia do presidente do padroado, aínda non hai data oficial para a convocatoria do órgao que debería tomar coñecimento da renuncia de De Sousa

Acontece que desde a data que a Consellaría dá para a renuncia a día de hoxe terían pasado cinco meses sen que a administración fixera nada para renovar un órgano que quedara descabezado, despois da marcha do seu presidente. Non só iso senón que nin siquera ten no horizonte próximo unha data orientativa para a xuntanza do órgano do CGAC. 

Segundo o departamento dirixido por Xesús Vázquez, os expresidente de Novacaixagalicai Julio Fernández Gayoso e o exdirector xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, terían tamén solicitado o cese un mes depois da de Fernández de Sousa, a través, neste caso, non dunha carta persoal senón dunha misiva asinada polo xerente da Fundación Novacaixagalicia. 

A Consellaría explica tamén, en resposta ao denunciado por Sermos Galiza, o singular feito de non aparecer a composición do Padroado na páxina web do centro e nese sentido alega razóns que apuntan á lei de protección de datos. Porén, aínda se pode atopar na memoria da rede o apartado que foi descolgado da páxina no que aparecía a listaxe de membros, como en calquera organismo público. 

O departamento de Xesús Vázquez asegura que as renuncias dos tres membros do Padroado serán aceptadas na próxima xuntanza, para a que non hai data mália que a renuncia do presidente, esté apresentada hai máis de cinco meses. A Consellaría explica o retraso da convocatoria dicindo que están á espera de que haxa “abondos temas ordinarios” a tratar e remítense á periodicidade irregular das xuntanzas. Malia iso, é difícilmente explicábel que o órgano rector do Centro leve cinco meses sen presidente e máis aínda sen convocar nun ano no que, entreoutras cousas, o CGAC conmemora o seu aniversario e, polo que se supón, tería que aprobar unha programación especial. 

Comentarios