O parlamento vasco proclama que ''Euskal Herria ten dereito á súa autodeterminación''

A proposición non de lei presentada por EH Bildu obtivo o apoio de 48 d@s 75 deputad@s da Cámara. ''Os procesos abertos en Catalunya e Escocia van mudar as cousas'' afirmou o parlamentar abertzale Pello Urizar,. O parlamento recoñece como suxeito a Euskal Herria, as 7 provincias actualmente baixo soberanía española e francesa.

parlamento-vasco

O Parlamento vasco aprobou esta quinta feira o dereito á autodeterminación de Euskal Herria. Non é a primeira vez que a Cámara de Gasteiz apoia que o pobo vasco ten dereito a decidir por si propio sobre o seu futuro (en febreiro de 1990 validara un acordo nese sentido), pero desta volta a afirmación é máis clara. E o suxeito dese deito é Euskal Herria, é dicir os sete territorios (tres provincias vascas, Nafarroa e as 3 sob administración francesa)

O suxeito do dereito é Euskal Herria: As tres provincias 'vascongadas', Nafarroa e as 3 baixo administración francesa

A proposición non de lei presentada por Eh Bildu obtivo o apoio da esquerda abertzale e o PNV (48 deputad@s) e o rexeitamento de PSOE, PP e UpyD (27 escanos). A fronte uninonista acusou o PNV de se botar en brazos da esquerda abertzale e da deriva soberanista.

No texto aprobado dise: “O Parlamento Vasco ratifica e proclama que Euskal Herria ten dereito á autodeterminación e que este dereito reside na potestade dos seus cidadáns para decidir libre e democraticamente o seu estatus político, económico, social e culturall”.

Que cambie todo para que todo cambie

Pello Urizar, de EH Bildu, defendeu que a realidade xurídica non pode ser un freo para a vontade cidadá e incidiu en que as “novas maiorías” que se están a construír en Euskal Herria apuntan a novas posibilidades. A isto o deputado da esquerda abertzale engadiu os procesos existentes en Escocia e Catalunya.

A decisión do Parlamento vasco prodúcese a escasos días de que unha cadea humana una Durango e Iruña (8 de xuño) en defensa do dereito a decidir. Xa hai máis de 50.000 persoas inscritas para tomar parte nesta iniciativa cidadá.

Comentarios