Izquierda Unida desvincúlase da ampla mobilización do 11 de xaneiro en Bilbo contra a dispersión de pres@s

Tamén se descolgaron Equo e Batzarre. Nun comunicado conxunto apostan na chamada 'vía Nanclares' --a mesma que apoia o PP-- como única saída posíbel ao conflito vasco.

tantaz
photo_camera [Imaxe: Tantaz Tanta]


Izquierda Unida, Equo e Batzarre, as tres organizacións da esquerda 'rupturista' en Euskal Herría, desvinculáronse da mobilización que cada 11 de xaneiro percorre as rúas de Bilbo para denunciar a situación de dispersión á cal fican submetid@s os e as presas vascas desde hai 25 anos. Máis de 500 cidadá(n)s cumpren condena en 73 centros penitenciarios repartidos entre España e Franza. 

A marcha de Bilbo está apoiada por organizacións políticas, sindicatos, colectivos sociais, entidades deportivas, asociacións veciñais, grupos cristiáns de base, centros sociais, plataformas internacionalistas, grupo de música, escritor@s...

Nun comunicado conxunto, as tres organizacións políticas din rexeitar "a política de afastamento dos presos e presas condenados por pertenza a ETA porque supón un castigo, porque contravén un principio reitor da legalidade penitenciaria e porque se demostrou contraproducente para a reinserción". Porén, acrecentan que "a progresión de grao penitenciario, o gozo dos permisos de saída e os procesos de reinserción levan en primeiro termo á responsabilidade das persoas presas". É iso o que defende a chamada 'vía Nanclares', que citan expresamente, a mesma saída que ampara o PP como única posíbel para o conflito vasco.

Que é a 'vía Nanclares'? O nome fai referencia ao cárcere de Nanclares de la Oca, penal escollido polo goberno do PSOE para agrupar @s pres@s por pertenza a ETA que pediron perdón polas accións perpetradas e se comprometeron a pagar a responsabilidade civil das vítimas, para alén de renunciar á loita armada. Esta postura foi apoiada polo ministerio de Interior tamén cando o PP chegou ao Goberno español.



​A organización ETA decretou un alto o fogo definitivo en novembro de 2011. Con todo, os gobernos español e francés fixeron a cambadela ao proceso de paz mantendo as súas políticas penitenciarias e impedindo a escarceración d@s pres@s que xa cumpriran condena, aplicándolles de maneira retroactiva a doutrina Parot até que o Tribunal de Estrasburgo declarou esta práctica como ilegal e ordenou a posta en liberdade de 60 persoas. A mobilización do 11 de xaneiro está convocada pola iniciativa cidadá Tantaz Tanta --Pinga a Pinga-- e quita á rúa cada ano centos de miles de persoas.

Comentarios