Interior retira as axudas a 46 vítimas do terrorismo dos GAL por seren ''do mundo de ETA''

Amaiur critica a decisión, que enmarca na ''política da vinganza'' do Estado español e pregunta ao ministro Fernández Díaz ''até onde vai chegar a súa crueldade''.

lasa zabala

O goberno español retirou ou denegou axudas a 46 vítimas do terrorismo dos GAL, Batallón Vasco-español ou grupos para-policiais por, afirmou o ministro do Interior, ''pertencer o mundo de ETA''. Un informe recente do Instituto Vasco de Criminoloxía advertía que o executivo de Mariano Rajoy podería ter incurso en “prevaricación” por non dar axudas a vítimas de atentados de organizacións para-policiais da coñecida como 'Guerra Suxa'.

Esa denuncia foi recollida por Amaiur, que preguntou no Congreso a través da deputada Maite Aristegi se Interior estaba a tratar por igual a todas as vítimas do conflito vasco. Fernández Díaz recoñeceu que 46 damnificados polo terrorismo anti-ETA non estaba a cobrar axudas nin subvencións. E xustificouno dicindo que eran vítimas do “mundo de ETA”.

"Política da vinganza"

Díaz dixo que o Convenio 116 do Consello Europeo garante que se poida deixar sen axudas a vítimas se estas pertencen a entramados delitivos ou organizacións criminais. E para o ministro ETA encaixa nesa clasificación.

Desde a esquerda abertzale consideran unha “inmoralidade” a que cualifican como “política de vinganza” que está a seguir o Ministerio do Interior. Aliás, entenden que con esta decisión o goberno español vulnera os principios de “irretroactividade das leis, presunción de inocencia e principio de legalidade”. 

Comentarios