ETA anuncia novos pasos no proceso de paz e chama a priorizar o 'si de Euskal Herria' ao 'Non de España'

O xornal basco Gara publica un comunicado da organización armada na que esta anuncia ''achegas significativas' para 'alimentar' o proceso de paz. Para @s mediador@s internacionais no proceso, estase no limiar do desarmamento de ETA.

eta
photo_camera Foto:Prisma

Nun comunicado en euskera remitido ao xornal basco Gara, ETA anuncia a adopción de tres compromisos chaves a corto prazo: “Realizar achegas significativas para alimentar o proceso de paz, sen tardar”, “pórse en contacto coa Comisión para Impulsar o Proceso de Paz” e “tomar parte nas conversas e negociacións que se poidan empregar co obxectivo de lograr a resolución e a paz”.

No que atinxe a este último punto, incide o Gara, ETA detalla que daría ese paso coa finalidade de “ofrecer o noso punto de vista e para introducir na axenda de diálogos as cuestións que atinxen directamente á nosa organización, que están entre os ingredientes para unha resolución integral”.

Compromiso cunha vía basca

ETA amosa o seu compromiso cunha vía basca cara a resolución do conflito, sostén o Gara. Unha vía que vai tomando corpo perante o “intento de bloqueo” dos estados español e francés. Nesta liña, a organizacións insta ao lehendakari Iñigo Urkullu e ao goberno basco a que “máis que ir a Madrid escoitar o non de España” sexan conscientes de que o que cómpre é “concretar unha acción para poñer o si de Euskal Herria no centro”.

É aquí onde se refiren á gran mobilización do 11 de xaneiro, no que máis de 135.000 persoas marcharon por Bilbo contra a dispersión e polos dereitos das e dos presos bascos. Unha manifestación que reuniu a persoas de diferentes sensibilidades e que “debuxa o camiño para avanzar”.

Firmeza

En canto á resolución do conflito, ETA propón a todas as partes un amplo diálogo con todos os que desexan a paz en Euskal Herria. Avoga por construír en Euskal Herria unha “soa voz” que con firmeza pule pola paz ante o inmobilismo dos estados español e francés.

Comentarios