A comisión que se reuniu con ETA destaca que ''hai unha auténtica oportunidade para a paz''

O voceiro do organismo internacional desminte a versión das súas declaracións perante a Audiencia Nacional publicadas na imprensa española e reafírmase en que ETA procedeu ao seu desarmamento parcial.

eta
photo_camera [Imaxe: E.F.]


"Agora temos unha oportunidade auténtica para a paz", destacou o voceiro da Comisión Internacional de Verificación (CIV), Ram Manikkalingam, após declarar perante a Audiencia Nacional este domingo. O tribunal especial español ouviu a reclamación do Covite --Colectivo de vítimas do terrorismo-- e citou en calidade de testemuñas @s seis integrantes da Comisión que se reuniu con ETA na Franza para dar conta da entrega de parte do arsenal que a organización armada vasca tiña operativo.

González Pons (PP): "Traballan para ETA, non para España"

"Estamos aquí porque queremos ser transparentes, porque traballamos para a consolidación da paz e a coexistencia no País Vasco. Desde que se declarou de forma unilateral o cesamento do fogo permanente e verificable, ETA mantivo o cesamento da actividade armada e cumpriu cos seus compromisos. Agora é tempo de selar as armas e polas fóra de uso", destacou Manikkalingam ás portas da AN, dando leitura en inglés a unha breve nota en nome da Comisión e subliñando que ETA "expresou o seu compromiso unilateral".

Segundo declararon, a súa actividade está financiada polo Dialogue Advisory Group, con sede en Amsterdam, e cobran 750 euros por cada xornada de traballo

"Somos profesionais con experiencia", destacou, profesionalidade que lles foi recoñecida até polo PSE-EE, que redactou un comunicado de imprensa en que enfatiza que o organismo internacional "non debe ser acusado de colaborar con banda terrorista". Quen segue sen recoñecer a mediación da devandita Comisión é o PP.

O seu vicesecretario de Programas, Esteban González Pons, aproveitou un acto en Castellón para arremeter contra a CIV ao dicir que "traballan para ETA, non para España" e que a súa comparecencia en Bilbo "foi para nos mentir, para nos vir contar unha historia que non é a da derrota dos terroristas senón a dun pacto que resulta imposíbel".

Manikkalingam (CIV): "Somos profesionais con experiencia"

Nas máis de dúas horas que durou a comparecencia perante a AN, @s tres integrantes da comisión informaron ao xuíz Ismael Moreno de que o organismo verificou como ETA "selou e puxo fóra de uso operativo unha cantidade determinada de armas, munición e explosivos que se adxuntan nun detallado inventario". Así o recolle unha declaración asinada en Bilbo á cal remitiu Manikkalingam, voceiro da CIV, para desmentir a versión que da súa comparecencia perante o tribunal especial deu a imprensa española 

Así, segundo informou a axencia de noticias Europa Press, que citou fontes xudiciais, versión que reproduciu toda a imprensa, a organización vasca ensinou as armas nun piso da localidade francesa de Toulouse e, após gravaren o video, recolleron as pistolas, o fusil e o material explosivo e quedaron de novo con elas. A primeira petición de ETA datárona en abril de 2013; en setembro de 2013 a organización armada vasca mostrouse disposta a dar o paso e o encontro produciuse en xaneiro de 2014. Segundo declararon, a súa actividade está financiada polo Dialogue Advisory Group, con sede en Amsterdam, e cobran 750 euros por cada xornada de traballo.

Comentarios