Achan asasinada unha muller en Bizkaia e a Ertzaintza prende o seu compañeiro

O corpo desta veciña de Mungia presenta evidentes signos de violencia e as primeiras informacións apuntan a que foi estrangulada polo seu home, xa detido. En Madrid a violencia machista deixou máis outra muller asasinada.


Unha muller de 35 anos apareceu asasinada na súa vivenda de Mungia, en Bizkaia, con evidentes signos de violencia. A Ertzaintza prendeu o seu compañeiro sentimental quen, segundo as primeiras informacións, a tería estrangulado.

De se confirmar esta hipótese, estariamos perante máis un caso de violencia machista no Estado español e serían 20 en 76 días que van de 2014, pois esta mesma segunda feira un home matou en Madrid a súa ex-compañeira após convencela de que fora até a vivenda del ameazándoa con se suicidar se non o facía. O agresor xa está detido.

De novo en Euskal Herria, segundo informa o diario basco Naiz, foi unha familiar da muller quen avisou o servizo de emerxencias ao dar con ela inconsciente nun cuarto da vivenda en que moraba co seu compañeiro, prendido polos efectivos da Ertzaintza como autor do asasinato. O Concello de Mungia convocou xa unha concentración para rexeitar este novo caso de violencia machista.

Comentarios