O PSdG-PSOE aposta por un lema en que "Galicia decide"

A candidatura socialista anuncia a presenza de Rubalcaba xunto a Pachi Vázquez, que repite o mesmo 'slogan' de cando se presentou á alcaldía do Carballiño.
Pablo García presentando o lema de campaña do PSdeG-PSOE
photo_camera Pablo García presentando o lema de campaña do PSdeG-PSOE

O que en aparencia semella un lema neutro e sen demasiado fondo político agocha unha repetición da historia, do nivel municipal ao nacional,simbolizando a tendencia natural do PSOE galego, que presentou esta sexta o 'slogan' de campaña - ”É o momento, Galicia decide”- o mesmo que utilizou Pachi Vázquez hai moitos anos para gañar a alcaldía do Carballiño, nesta ocasión cambiando o nome da localidade ourensá polo de “Galicia”.

O encargado de presentar ante os medios a campaña socialista foi o secretario de Organización, Pablo García, que remarcou que o candidato Pachi Vázquez fará “uns sesenta actos durante o período electoral nos que estará acompañado en moitos por Alfredo Pérez Rubalcaba”, o líder español do partido. “Ao contrario dun PP que esconde e renega de Rajoy todos os días”, afirmou o dirixente do PSdeG.

“Ofrecémoslles aos cidadáns a oportunidade dun cambio de rumbo fronte ao horizonte de recesión e sufrimento ao que nos abocan as políticas do PP”, dixo García, que tamén explicou que o lema de campaña inclúe a expresión “Galicia decide” porque “realmente o vindeiro 21 de outubro os galegos e galegas non só deciden o futuro de Galicia senón tamén que o Goberno central teña que recuar nas súas políticas”.

Sen triunfalismos, o PSOE afirma que prefire “perder un puñado de votos que gañar as eleccións en base a unha mentira”. Nunha rolda de prensa marcada aínda pola operación Pokémon, o dirixente socialista preferiu pór en valor o feito de que “despois de 19 anos volverán verse debates electorais, como pedía o PSOE”. Tamén avanzou que as Xuventudes Socialistas “terán un gran papel en campaña, de forma especial nas redes sociais”.

A respecto da imaxe gráfica, o lema preséntase con maiúsculas rotundas sobre unha tipografía moi sólida. Asemade, salienta o reducido tamaño do logotipo do PSdeG-PSOE, en igual proporción ao nome do candidato.

Comentarios