Jorquera: “Os intereses da cidadanía están por riba da débeda da banca privada”

O candidato do BNG asegura que Galiza “necesita un goberno que sexa dique de contención fronte ás consecuencias dun rescate”.
Francisco Jorquera na xuntaza coa asociación da prensa na Coruña
photo_camera Francisco Jorquera na xuntaza coa asociación da prensa na Coruña

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, abordou durante un almorzo organizado pola Asociación de Prensa da Coruña o asunto da débeda pública que os poderes usan como escusa para os recortes sociais e asegurou que “hai que cuestionar a nivel de estado a débeda a pagar”. “Débese determinar cal é lexítima e cal non, cal é da banca privada, froito das súas prácticas especulativas, e renegociar esa débeda. O Estado español non ten que responder da banca privada porque os intereses dos cidadáns están por riba diso”, declarou. 

O candidato nacionalista tamén se referiu ao inminente rescate que solicitará o goberno de Rajoy unha vez pasen as eleccións do domingo. “Galiza necesita un goberno que sexa un dique de contención fronte ás consecuencias dun rescate que se vai producir para asegurar que a banca española lle devolva ás alemana e francesa todo o que lle debe . Asegurar iso vai supor unha factura en forma de recortes terríbeis para a sociedade”, explicou.

Jorquera afirmou tamén que “as eleccións están abertas e poden decidirse por un puñado de votos”, e así mesmo dixo percibir durante a campaña “un descontento na sociedade que se palpa, un desexo de cambio que se traducirá o domingo en que o PP abandone o goberno e perda as eleccións”. “Eles tamén notan o mesmo e por iso a estratexia de Feijóo dirixise a desmobilizar o voto daqueles cidadáns descontentos para facerlles ver que non hai nada que facer, pero estou convencido de que o BNG vai ser un factor decisivo para a derrota do PP”, engadiu.

“O PP renunciou a ofrecer un balanzo de xestión e a formular propostas porque non ten nada que ofrecer, só recortes, pola contra no BNG fixemos unha campaña con propostas fundamentadas, argumentadas, para un cambio de rumbo nas políticas do país que o poñan ao servizo dos intereses de Galiza”, rematou o candidato nacionalista nun dos seus últimos actos públicos antes dos comicios.

Comentarios