BNG considera que o informe do Consello de Contas demostra que Feijóo "vive na mentira permanente"

Un informe do Consello de Contas apunta que a Xunta desprazou irregularmente 411 millóns en facturas de 2010 a 2011 para rexistrar así menos déficit. O BNG pide explicacións a Núñez Feijóo, a quen acusa de "facer trampa" e o popular escúsase: "É imposíbel facer iso"
Consello de Contas
photo_camera Consello de Contas

Un ex-conselleiro de Economía de Fraga, José Antonio Orza, vén de se sumars ao ronsel de amarguras de campaña que sofre Feijóo. Orza é responsábel do informe do Consello de Contas de Galiza en que se desvela que a Xunta trasladou irregularmente facturas por valor de 411 millóns de euros do exercicio 2010 a 2011. Grazas a esta 'camuflaxe' descuberta agora pola auditoría do Consello, a Xunta presentou en 2010 un déficit do 2,37%. O teito fixado polo goberno central para as comunidades autónomas era do 2,4. Esta desviación irregular de máis de 400 millóns permitiu a Feijóo cumprir co limite imposto desde Madrid para alén de ser empregada por Feijóo, presumir de cumpridor.

No BNG, o seu voceiro nacional, Guillerme Vázquez, considera que os resultados da auditoría do Consello son máis que preocupantes. Dunha banda, mostran que Núñez Feijóo "vive na mentira permanente" tanto á hora de cadrar as contas "como en temas como o eólico ou Pemex". Doutra, prosigue Guillerme Vázquez, "temos que preguntarnos canto máis hai que seguir derivando para cadrar o déficit e esa famosa solvencia".

"Trampa"

Para o voceiro nacionalista, Feijóo non ten escusa, pois a auditoría foi feita polo Consello de Contas, organismo oficial "que non é sospeitoso de parcialidade", para alén de que o responsábel do informe fose un ex-conselleiro de Manuel Fraga.

Exixen que mostre as contas e as facturas pendentes

Pola súa banda, Ana Pontón acusou a Feijóo de gobernar con "mentira tras mentira, manipulación tras manipulación" e puxo como exemplos as falsedades sobre "o concurso eólico, o suposto contrato de PEMEX que segue a negarse a ensinar, o dique flotante de Ferrol..." A nacionalista, que participou nun mitin nas Pontes canda Guillerme Vázquez, exixiulle  a Feijóo que "faga públicas todas as contas e as facturas pendentes de pago" deste exercicio.

Feijóo e as contas dos estudantes

O presidente da Xunta e candidato do PP, Núñez Feijóo, defendeu que "é imposíbel" trasladar 400 millóns de euros do exercicio 2010 a 2011 e pechar este último cun déficit do 1,6%. Feijóo mesmo ironizou con que iso sería "unha milagre".

O candidato do PP insistiu en que non se podería cadrar o déficit de 2011 dándose ese trasvase de millóns. Esa conta sábea facer calquera estudante de económicas ou de empresariais. Eu diría mesmo que de letras". 

Comentarios