AGE presenta un programa baseado nos “principios republicanos”

A coalición de Anova e Esquerda Unida reivindica a “radicalidade democrática” e os principios da “liberdade, fraternidade, igualdade e laicidade”.
CC BY-SA Merixo
photo_camera Beiras e Yolada Díaz [Imaxe: CC BY-SA Merixo]

Na páxina web de Anova xa está dispoñíbel o borrador final do acordo programático con que Alternativa Galega de Esquerdas --coalición que une a formación de Xosé Manuel Beiras, Esquerda Unida e tamén grupos máis pequenos, como o Espazo Ecosocialista ou Equo-- se presenta ás eleccións do 21 de outubro.

No mesmo expoñen 30 puntos de acción que din estar construídos “na necesidade de recuperar a dignidade dunha acción política baseada na radicalidade democrática, nos principios republicanos de igualdade, liberdade, fraternidade e laicidade; na conciencia sobre os límites ecolóxicos do planeta; na loita contra calquera caste de discriminación, na permanente fiscalización por parte da cidadanía dos elixidos e elixidas e en que a orientación das políticas, en todos os ámbitos, deberá sempre estar presidida pola defensa do benestar das maiorías sociais e a defensa das minorías oprimidas, en definitiva na procura do ben común”.

Aseguran que a sociedade está “diante da fin dun ciclo histórico"

A coalición electoral divide os seus obxectivos en catro grandes bloques: “Contra o espolio; Defensa do noso; Democracia, igualdade e dereitos sociais e Solidariedade económica e desenvolvemento”. Aseguran que a sociedade está “diante da fin dun ciclo histórico tanto a nivel mundial como europeo tras catro décadas de imposición de políticas económicas contrarias ás maiorías sociais, que desmantelaron o modelo do estado do benestar”, circunstancia que pensan que tamén “se manifesta no Estado español, onde está esgotado o modelo chamado 'da transición'”.

En canto a puntos máis concretos, AGE aposta por facer unha “auditoría da débeda pública”, comprométese a “non aportar fondos públicos para viabilizar entidades bancarias e esixir responsabilidades penais aos xestores destas entidades”. Fala tamén da creación dunha “Lei da Memoria Histórica para Galiza” ou aposta pola “soberanía enerxética e alimentaria”.

No programa electoral tamén hai referencias á “defensa activa contra a desaparición da identidade galega, contra o exterminio planificado da nosa lingua, o deterioro da nosa paisaxe, o abandono do noso patrimonio cultural e a deturpación da nosa historia”; “o combate contra a profesionalidade da política institucional” ou a prol da “promoción e equidade económica, fiscal e social para as formas de traballo autónomo e de pequenas empresas, con fincapé nas formas cooperativas de de economía social”.

Comentarios