“Feijóo traicionou a cultura galega”

O BNG móvese con comodidade no mundo da cultura e iso quedou á vista no acto que celebrou o sábado día 13 en Compostela. Caras coñecidas arrouparon á fronte nacionalista nun encontro no que manifestaron a súa aposta pola cultura como un sector estratéxico do goberno.
Marta Dacosta e Francisco Jorquera
photo_camera Marta Dacosta e Francisco Jorquera

No polo oposto ao BNG situouse a política demoledora do PP denunciada por representantes dos distintos sectores con argumentos que Suso de Toro, desde o público, resumiría: “Feijóo traicionou a cultura galega”.

Proximidade na distancia, implicación de representantes dos distintos sectores, intervencións espontáneas do público. O formato ideado polo BNG para o encontro coa cidadanía nos distintos ámbitos cobrou especial forza na cultura. Canda representantes da organización nacionalista, tomaron a palabra figuras dos distintos ámbitos creativos diante dun público no que sobranceaban caras coñecidas. Suso de Toro, Medos Romeo, Cesáreo Sánchez, Marga Romero, Rafa Vilar, Alfonso Pato, Roberto Sobrado ou Marica Campo atopábanse no auditorio ao ar libre no que o BNG artellou a súa ágora cultural. Persoas do mundo asociativo abondaban tamén no Toural, praza ateigada para un encontro no que o BNG presentouse coa tranquilidade de quen xoga na casa. 

A praza do Toural convertiuse así nun observatorio da nosa cultura co debuxo de varias claves do mapa da situación. Por unha banda, tomaron voz ás persoas que protagonizan unha cultura abafada á que se lle mermou toda posibilidade de desenvolvemento. Pola outra agromaron as críticas á política de Feijóo, teimuda en “demoler” os sectores estratéxicos e creativos culturais e mermar calquera posibilidade de difusión. Contra iso, o BNG defendeu o modelo de converter á cultura nun “sector estratéxico” do goberno materializado a medio do propio programa no que se defende, entre outras medidas, o regreso da Consellería de Cultura, eliminada polo PP do organigrama da Xunta.

Cidade da Cultura e obra de NGB

Que a cultura toma parte da “natureza” do BNG quedou á vista na fluidez do debate co auditorio. Após as intervencións que explicaron as propostas na materia de cara ao 21-O, as preguntas do público as puxeron sobre a mesa temas de grande actualidade que obtiveron rápida resposta por parte das persoas que toman parte das candidaturas nacionalistas. Aí saíron as propostas concretas e agardadas. Francisco Jorquera anunciou que o BNG non construirá máis edificios no Gaiás e redefinirá a súa función, destinando os orzamentos para apoiar á cultura como sector estratéxico tamén na súa vertente industrial.

Francisco Jorquera anunciou que o BNG non construirá máis edificios no Gaiás e redefinirá a función da Cidade da Cultura

Na Cidade da Cultura os nacionalistas queren un Museo Nacional de Galiza e unha pinacoteca para a que fixeron pública unha reclamación de especial relevancia. Exixirán que os fondos artísticos da obra social de Nova Galicia Banco non sexa vendida ao desbarato e reverta en patrimonio do pobo galego, sendo a Cidade da Cultura un destino acaído . Son estas dúas das iniciativas dadas a coñecer no debate público, despois de apresentaren as liñas forza do programa en materia cultural, un mundo do que se mostraron valedores diante do modelo dun PP ao que Suso de Toro, presente na primeira fileira do acto, se mostrou con “autoridade moral” para definir de “traidor da cultura galega”.

O BNG exixirá que os fondos artísticos da obra social de NGB non se vendan e reverta en patrimonio público

A asfixia ao tecido industrial e creativo da cultura que viñan de denunciar Lucho Penabade, do sector das artes escénicas, Alicia Fernández e Marta Dacosta por parte da literatura ou Manolo González como representante do audiovidual, respondía, ao seu ver a unha “cegueira sectaria”. O BNG deulles á palabra e, cada un no seu ámbito, mostraron o malestar do mundo da cultura diante das políticas do PP. “Queremos producir para poder vivir” dixo Lucho Penabade para denunciar, entre outras cousas, a desaparición dos circuitos que levaban á cultura viva aos concellos. Alicia Fernández e Marta Dacosta defenderon a necesidade de promoción da nosa lingua a través da cultura e denunciaron cada un dos momentos nos que o PP mostrou afán de desmantelar a nosa literatura. Director da Axencia Audiovisual na consellaría nacionalista do anterior goberno, Manolo González defendeu unha xestión baseada no “sentido común” que se fundamentou en transparencia, apoio ao talento, igualdade de oportunidades, creación de plataformas de difusión e promoción do audiovisual como sector estratéxico, diante dun ex-director de Cultura, Luís Bará tamén presente no acto.

En resposta ao malestar dos distintos sectores, o BNG mostrou unha aposta de goberno no que a cultura ocupe un lugar estratéxico. Converter o 2% de aportación da cultura ao PIB no 2,5% da media europea suporía unha inxección na nosa economía de 300 millóns ao ano, defendeu Jorquera, no afán de darlle valor ás tres vertentes da cultura galega, a identitaria, a social e a económica. “A aposta pola cultura é aposta polo futuro” apontou Jorquera ao defender un programa aberto que, segundo dixo, se completará coa participación de representantes dos distintos sectores. “Apostar pola cultura do país é o prioritario” engadiu.

Liquidación por peche do PP  

A fronte nacionalista aposta por "unha cultura viva, en marcha que defenda o noso lugar do mundo camiño para a soberanía"

A “Xunta foi o principal enimigo da nosa cultura” dixo Ana Pontón, candidata pola Coruña e deputada do Parlamento que durante a lexislatura fixo seguimento do goberno de Feijóo en materia cultural. Para argumentar a afirmación, Pontón fixo enumeración de medidas coas que o goberno do PP prexudicou, ao seu ver, o tecido cultural galego: eliminación dos circuitos culturais, eliminación das liñas de axuda á creación e o talento, liquidación das axudas ás asociacións culturais, debilitación do Centro Dramático Galego e Centro Coreográfico Galego , secundarización do propio na proxección cultural, medios de comunicación público que dan as costas á difusión da cultura, eliminación de axudas para recuperar a memoria ou complicidade na subida do IVE. “Se eliminamos a cultura a barbarie ocupará o seu espazo” foi o título da entrevista con Xabier DoCampo de Sermos Galiza que a Ana Pontón lle serviu de pano de fundo para amosar un programa que aposta por promover, dinamizar e difundir a cultura galega, tanto no seu valor identitario como social e económico.

Unha cultura viva, en marcha que defenda o noso lugar do mundo coa súa hetereoxeneidade camiño para a soberanía, claves nas que Goretti Sanmartín situou o marco do debate público co que o BNG defendeu a súa implicación no tecido cultural e o seu futuro.

Comentarios