DíA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

O BNG propón un plan integral de saneamento das rías galegas

Nun acto simbólico que tivo lugar na mañá do domingo na praia do Areal de Boa Grande (Noia), o BNG reivindicou a rexeneración integral das rías galegas. Desta maneira conmemorou a formación nacionalista o Día Mundial do Medio Ambiente.

PONTON E CALLON LIMPEZA PRAIA NOIA REXENARACION RIAS 3
photo_camera Goretti Sanmartín, Carlos Callón e Ana Pontón

O BNG desenvolveu a súa particular conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente. Fíxoo cun acto simbólico que o levou a limpar o Areal Boa Grande, en Noia. Alí a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, que estivo acompañada do candidato número 1 pola Coruña, Carlos Callón, reivindicou a rexeneración das rías galegas.

Pontón reclamou “un orzamento específico que salde a débeda que o Estado ten con Galiza na materia” e afirmou que “pasamos da etapa de goberno de Fraga, que pensaba que os problemas das rías se solucionaban con paseos marítimos, á etapa do señor Feijóo, quen pensa que a única xestión que hai que facer en materia de xestión de augas é subirlle os impostos aos galegos e as galegas”.

A portavoz nacional do Bloque sinalou que as rías “constitúen un dos motores económicos do país”. “Son a principal empresa en termos de creación de emprego”, salientou Pontón, quen advertiu: “Desde que Feijóo chegou á Xunta perdéronse 500 empregos no sector do marisqueo, a maior parte deles, femininos”. A nacionalista propuxo “recuperar o tempo perdido cun plan con dotación específica que cubra a débeda histórica que o Estado ten con Galiza en materia de rexeneración e saneamento das nosas rías”.

Aliás, o cabeza de lista do BNG-Nós Candidatura Galega pola Coruña, Carlos Callón, lembrou que “fomos terceira potencia pesqueira e marisqueira a nivel mundial cando eu ou Ana eramos rapaces e hoxe estamos en franco retroceso. Iso ten responsabilidades políticas concretas por parte da Xunta”. “Os problemas políticos requiren solucións políticas”, sinalou, para asegurar que “desde o BNG seremos incansábeis na defensa do noso medio ambiente por razóns económicas, pero tamén porque é un patrimonio natural”.

Máis en POLÍTICA
Comentarios