domingo 27/09/20

Zara 'Offshore': Inditex opera desde paraísos fiscais para eludir impostos

A práctica totalidade das corporacións empresariais presentes no IBEX operan desde paraísos ou nichos fiscais para eludir o pago de impostos á facenda do Estado. A ausencia dunha lexislación axeitada e a falla da vontade política precisa favorecen a extensión e xeneralización destas operacións. Inditex non é unha excepción no panorama actual. 
Zara 'Offshore': Inditex opera desde paraísos fiscais para eludir impostos

A s dúbidas sobre os criterios de tributación do grupo Inditex non son novas. Á volta de decembro de 2016, o grupo Alianza Libre Europea/Os Verdes (ALE/Os Verdes), onde está integrado o BNG, denunciou no Parlamento europeo que a multinacional con sede en Arteixo aforrou, entre 2011 e 2014, 585 millóns en impostos corporativos, mediante o traslado de parte das súas filiais a Estados onde a presión fiscal era máis baixa. Unhas semanas máis tarde, concretamente en xaneiro de 2017, Inditex rebatía estes números mais confirmaba que a súa estrutura de sociedades, con presenza en paraísos fiscais, tíñalle evitado pagar impostos, no período sinalado, por aproximadamente 200 millóns.

O informe elaborado en 2016 polo grupo parlamentario de ALE/Os Verdes, baixo o título de Compra de impostos: explorando o negocio de Zara para eludir impostos, indica que a operativa mercantil permite ao grupo Inditex eludir nos exercicios contábeis de 2011 a 2014 o pago de 218 millóns no Estado español, 76 millóns en Francia, 57 millóns en Italia, 25 millóns en Alemaña, 22 millóns no Reino Unido, 20 millóns en Grecia, 18 millóns en Bélxica e 6 millóns en Austria. Segundo o grupo ALE/Os Verdes, "aquelas filiais da compañía cos beneficios máis altos, entre 20% e 70% sitúanse en países coñecidos por ter unha lexislación fiscal moi laxa, neste caso Países Baixos, Irlanda e Suíza".

"Semella claro que países como Holanda, Irlanda e Suíza ofrecen beneficios fiscais concretos ao grupo Inditex que outros non ofertan", destaca o estudo, para referirse á diferenza entre os beneficios xerados polas empresas do grupo dedicadas á venda ao por menor e as centradas en actividades financeiras ou xestión de marca. Mentres as primeiras declaran marxes situadas entre 20% e 70%, as segundas non superan un beneficio medio de 5%. "As compañías como Inditex", conclúe, "estrutúranse de forma que poidan sacar partido dos tipos impositivos baixos e da falla dun réxime fiscal común na Unión Europea".

A exposición do grupo Inditex aos territorios considerados como paraísos ou nichos fiscais é moi importante. Conforme aos datos ofrecidos para 2015 polo Observatorio da Responsabilidade Social Corporativa, no seu informe A información fiscal nas memorias anuais das empresas do IBEX-35, a multinacional con sede en Arteixo conta con nove sociedades con enderezos en países ou lugares cualificados como paraísos fiscais e 65 en nichos fiscais. Atendendo aos criterios empregados polo Parlamento Europeo para fixar a listaxe de nichos fiscais, a presenza da corporación en territorios offshore dispárase, ao estar presente en Delaware (EUA), Holanda, Irlanda, Suíza, Hong Kong, Luxemburgo, Montenegro, Porto Rico, Macedonia, Macau ou Taiwán.

As filiais de Inditex nos paraísos fiscais

O Observatorio da Responsabilidade Social Corporativa afirma, en relación coa rede da corporación Inditex, que "entre as 74 sociedades situadas en paraísos ou nichos fiscais considérase que un grupo de 26 empresas ofrecen dúbidas en canto a que a súa actividade teña a ver coa operativa do propio negocio, posto que tanto a declaración da actividade non operativa como a súa localización xeran interrogantes sobre a súa utilización dentro dunha estratexia fiscal planificada e non son susceptíbeis de resolverse ao non achegar a empresa maior información". Malia isto, Inditex declara como principio da súa estratexia fiscal "a renuncia ao emprego de estruturas mercantís opacas que interpoñan sociedades instrumentais en paraísos fiscais".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

comentarios