A Galiza perdeu durante o ano 2021 máis de 1.600 explotacións gandeiras

Alberto Núñez Feixoo deixou a Galiza con perto de 20.000 explotacións gandeiras menos. Se á volta de 2009, contaba con 47.394 granxas, o número ficaba reducido a 27.663 en 2021. Así e todo, as persoas expertas coinciden en que o proceso de reconversión do complexo agrario galego aínda non está rematado. 
Mentres que en 2009 a Galiza contaba con 47.394 granxas, o número ficou reducido a 27.663 no ano 2021 (Foto: IGE / Nós Diario).
photo_camera Mentres que en 2009 a Galiza contaba con 47.394 granxas, o número ficou reducido a 27.663 no ano 2021 (Foto: IGE / Nós Diario).

Os últimos datos sobre o número de explotacións gandeiras activas na Galiza refírense a 2021. Segundo sinala o Instituto Galego de Estatística (IGE),  nesa anualidade, o país contaba con 27.663 granxas de gando bovino, 2.928 das cales dedicábanse á ceba, 6.088 ao leite, 18.162 á carne, 396 ao leite e á carne de maneira conxunta e 90 á recría de xovencos.

O tamaño das explotacións dá unha medida máis exacta do conglomerado agrario e apunta que boa parte delas non son a actividade económica central do núcleo familiar. Así, o IGE sinala que 11.691 granxas contan con menos de 10 cabezas, 6.871 entre 10 e 29 cabezas, 6.836 entre 30 e 99 cabezas, 1.368 entre 100 e 199 cabezas e  620 máis de 200 cabezas. No último ano con datos publicados, a Galiza perdeu 1.619 granxas. Así, en 2020 dispuña dun total de 29.282 explotacións de bovino, 3.295 das cales dedicábanse á ceba, 6.586 ao leite, 18.879 á carne, 461 ao leite e á carne e 79 á recría de xovencos.

O perfil das explotacións non presentaba grandes diferenzas con 2021. Neste caso, 12.613 explotacións rexistraban menos de 10 cabezas, 7.427 entre 10 e 29 cabezas, 7.073 entre 30 e 99 cabezas, 1.065 entre 100 e 199 cabezas e 564 máis de 200 cabezas.

A comparativa do censo de bovino destas dúas anualidades certifica que o groso das explotacións fechadas concéntranse naquelas granxas con menos cabezas de gando. A este respecto, as explotacións de menos de 10 cabezas baixaron en 922, as situadas entre 10 e 29 cabezas en 556 e as situadas entre 30 e 99 cabezas en 237. Porén, aquelas granxas con entre 100 e 199 cabezas  medraron en 312 e aquelas con máis de 200 cabezas en 56.

O diferencial destes dous últimos exercicios confirma a tendencia rexistrada desde 2009. Precisamente, nese ano Galiza contaba con 47.394 granxas, 24.389 delas con menos de 10 cabezas, 12.652 entre 10 e 29 cabezas, 9.235 entre 30 e 99 cabezas, 939 entre 100 e 199 cabezas e 179 máis de 200 cabezas.

19.731 explotacións cesaron na súa actividade desde 2009, máis o impacto difire en función do tamaño das granxas. Neste período fecharon 12.768 explotacións de menos de 10 cabezas, 5.781 explotacións entre 10 e 29 cabezas e 2.399 entre 30 e 100 cabezas. Pola contra, incrementáronse en 447 aquelas granxas entre 100 e 199 cabezas e en 441 aquelas de máis de 200 cabezas.

Concentración e centralización

A dinámica do complexo gandeiro xerou un proceso de concentración e centralización difícil de imaxinar unhas décadas atrás. Un caso paradigmático obsérvase no sector lácteo, onde  220.000 hectáreas de superficie agraria útil (SAU), correspondente co 8% do conxunto do territorio galego, xera 40% da produción láctea de todo o Estado Español.

20 concellos, emprazados nas comarcas do Xallas, Terra Chá, Deza, Ulloa, Lugo e Sarria, concentran 80% das vacas de leite da Galiza. Mazaricos, A Pastoriza, Lalín, Castro de Rei, Santa Comba, Frades, Sarria, Arzúa, Cospeito, Chantada, Pol, Guntín, Mesía, Trazo, Rodeiro, Lugo, Silleda, Taboada, Guitiriz e Tordoia son, por esta orde, os 20 concellos galegos con mais produción láctea, sumando os 8 primeiros 25% do total do país.

O profesor de Economía Aplicada da Universidade de Compostela (USC) Bernardo Valdés sinala a Nós Diario que “esta tendencia derívase da propia lóxica do sistema, aínda máis nunha actividade como a agraria, onde resulta moi complicado controlar os prezos finais de venda fronte á industria e á distribución. A especialización produtiva das comarcas asóciase ás características físicas de determinados terreos, que favorecen, por exemplo, a produción láctea nas zonas de chaira”.

A economista da USC Mar Pérez Fra explica a Nós Diario, que “a concentración da produción láctea en determinadas zonas está moi ligada ao papel da industria, até o punto de que hai determinadas explotacións que son viábeis economicamente pero pola negativa da industria a non recoller o leite están condenadas a fechar".

Comentarios