A Xunta teme que o veto á pesca de fondo da frota de altura se estenda "máis adiante" á artesanal

Estudos apuntan que non todos os arrastres son igual de prexudiciais para o leito mariño, coas dragas hidráulicas como as de maior deterioración

Frota amarrada no porto de Muros nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Frota amarrada no porto de Muros nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).

A Xunta de Galiza teme que o veto que a Comisión Europea quere aplicar á pesca de fondo da frota de altura "se queira impor" tamén á frota artesanal "máis adiante". A Consellaría do Mar declara que, aínda que "na actualidade" ás artes menores non lles afecta o veto a aplicar en 94 zonas comunitarias, "non descarta" que tamén acaben afectadas.

'Trasmallos', 'miños, 'raeiras' e 'vetas' son algúns das artes máis empregadas por 875 embarcacións de frota artesanal que leva a cabo pesca de fondo, un 20% do total das artes menores.

"O que é un despropósito é que habendo estudos que constatan o escaso impacto nos fondos de artes como o arrastre, e máis no caso do palangre (que o seu contacto é mínimo), queiran prohibir a súa actividade en case un centenar de zonas sen ter en conta o importante impacto económico e social que ten para o conxunto da pesca europea, con centos de buques e milleiros de tripulantes afectados", sinala.

A Xunta salienta que a frota de baixura ou artesanal emprega artes que necesariamente teñen contacto co fondo mariño e, por tanto, son susceptíbeis de ser englobadas dentro das denominadas como "artes potencialmente daniñas" do ecosistema mariño, a teor das novas propostas da UE no marco da Estratexia sobre Biodiversidade 2030.

A finais de abril, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, entregou un informe en Bruxelas no que avisaba de que as propostas para limitar a pesca de fondo ameaza a un terzo dos empregos da frota artesanal na Galiza. Con anterioridade, a Xunta remitiu estudos nos que se apuntaba a unha "escasa pegada de carbono" que teñen moitas artes de arrastre de menor tamaño. 

 



Estudos internacionais 

Paralelamente, a Xunta remítese a diferentes informes internacionais, "que ten a Comisión Europea na súa poder", nos que se recolle que a incidencia do arrastre nos fondos mariños "non é a que apuntan certas lecturas catastrofistas".

No seu día, a Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI) xa puxo o foco no estudo de 2017 liderado por Jan Geert Hiddink, da Universidade de Bangor en Reino Unido -titulado Global analisis of depletion and recovery of seabed biota afeter bottom trawling distrubance-, no que figura que o arrastre de fondo con portas (o máis común a nivel mundial) causa o menor dano, "eliminando un 6% da biota durante o seu paso e penetrando no substrato en media 2,4 centímetros". Así, son as dragas hidráulicas as que causan a maior deterioración, "eliminando o 41% da biota e penetrando no leito mariño en media 16,1 centímetros".

Para este estudo publicado no seu día na revista PNAs (Proceedings of the National Academy of Sciencies of the United States of America) tivéronse en conta 24 estudos comparativos e 46 estudos experimentais, localizados no noroeste de Europa e o nordés de Estados Unidos.

O artigo fai fincapé en que non todos os arrastres son igual de prexudiciais para medio mariño. En función do tipo de arte de pesca, profundidade de penetración e varábeis ambientais como a profundidade da auga e a composición dos sedimentos, requiriuse de 1,9 a 6,4 anos para que a biota dos fondos mariños se recuperase.

 

 

Postura da Comisión Europea

A Comisión Europea examina se continuar coa adopción dun regulamento para prohibir a pesca de fondo en zonas vulnerábeis, que afectará a 94 áreas de augas comunitarias. "Sei que esta decisión require un gran esforzo do noso sector pesqueiro e gustaríame recoñecer o seu papel esencial na preservación do noso océano e o noso futuro", sinalou a pasada semana o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkievicius.

O regulamento de augas profundas no Atlántico Nororiental foi sometido a votación no Comité de Pesca e Acuicultura nun acto de implementación que se saldou sen a maioría requirida para sacala adiante, xa que España e Irlanda votaron en contra e varios países abstivéronse. Dado o resultado da votación, agora queda en mans da Comisión Europea a decisión de adoptar esta regulación.

A proposta que o Executivo comunitario impulsou en 2016 busca pechar as zonas mariñas vulnerábeis ás artes pesqueiras que tocan o fondo do mar, como a pesca de arrastre ou o palangre, xa que afecta a zonas mariñas por baixo de 400 metros.

Esta nova regulación suporía vetar 94 áreas en augas de España, Portugal, Francia e Irlanda. Concretamente en España, afectaría á zona do Golfo de Cádiz, aínda que a súa aplicación estenderíase até a zona norte do caladoiro de Gran Sol.

Así, a regulación estabelece unha sorte de 'corredor' de pesca, que todos os buques que faenen en augas profundas deberán respectar, xa que protexe áreas virxes. Por tanto, os barcos pesqueiros non poderían operar alí e pescar especies de augas profundas.

Segundo o Executivo comunitario, a medida estabelece o peche de 57 hábitats vulnerábeis no Atlántico Nororiental, onde habitan --ou é "probábel" que existan, di-- especies como corais ou anemones con base ás análises realizadas polo Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES polas súas siglas en inglés) e pretende impulsar a xestión sustentábel dos mares e océanos.

Respecto diso, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, queixábase esta mesma semana que a Comisión Europea non remitira eses informes científicos nos que se basea para apostar por esta medida.

Pola súa banda, nunha visita esta semana a Burela (Lugo), o ministro de Pesca, Luís Planas, avanzou que trasladará o próximo 18 de xullo -con motivo do Consello da UE de Agricultura e Pesca- ao comisario europeo de Pesca, Virginijus Sinkevicius, que se "abandone" a proposta de veto á pesca de fondo en 94 zonas comunitarias ou que, se se segue adiante, se estabelezan "flexibilidades".

Todo iso nunha semana na que unha trintena de asociacións pesqueiras da Galiza selaron un manifesto en defensa do sector e contra a prohibición que propón a Comisión Europea á pesca de fondo.



Nun paso máis, a Comisión Europea apuntou nun comunicado que a medida se redactou despois de consultas cos Estados membros e as partes interesadas, como a industria pesqueira e a ONG nos últimos dous anos. "A avaliación de 2021 do Regulamento de Acceso a Augas Profundas mostra que o 90% dos enquisados estaba de acordo con estabelecer un marco normativo para protexer o medio ambiente en augas profundas", argumentaba.

O sector pesqueiro europeo, agrupado en Europêche, criticou que esta medida pon en risco o futuro da pesca de fondo no Atlántico e por tanto de máis de 10.000 pescadores e denunciou as lagoas científicas recoñecidas, a falta dunha consulta adecuada, e a falta dunha avaliación do impacto socioeconómico desta medida.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios