Os aforradores galegos perderon 7.532 millóns desde xuño de 2021 polo impacto da inflación

Os últimos datos sobre depósitos bancarios ofrecidos nesta semana polo Banco de España dan conta do alcance da desvalorización interna provocada pola inflación.
Dúas persoas maiores nun parque público de Compostela (Foto: Europa Press).
photo_camera Os maiores son un colectivo moi afectado pola suba do IPC. (Foto: Europa Press).

Neste sentido, as cifras fornecidas polo regulador bancario sinalan que o total dos depósitos custodiados polas entidades de crédito con actividade na Galiza sitúanse en 76.021 millóns de euros, a contía máis elevada de toda a serie histórica.Rexistrándose agora unha inflación para o conxunto da Galiza de 10,2%, a capacidade adquisitiva real deses aforros fronte ao valor efectivo desa cantidade un ano antes é de 7.532 millóns de euros menos.

A diferenza doutras variábeis macroeconómicas, o impacto da inflación é directo sobre o peto dos galegos. Supón, sen ir máis lonxe, unha relevante perda do valor dos aforros, que alcanzaron máximos históricos durante a pandemia como consecuencia da mudanza dos hábitos de consumo e das cautelas adoptadas nunhas circunstancias excepcionais.Os aforros totais na Galiza situábanse en 66.819 millóns de euros no último trimestre de 2019, rexistrando nos primeiros tres meses deste ano 9.202 millóns de euros máis.

A incidencia da inflación no aforro ten un grande alcance na Galiza, dado o tradicional papel do país como aforrador neto e a redución do gasto nas últimas anualidades, que ten incrementado de xeito significado o volume dos depósitos. Precisamente, un dos problemas chave que vén presentando historicamente a economía galega é a expatriación do aforro a través dos mecanismos do sistema financeiro, até o punto de presentalo diversos economistas como un dos factores definitorios da dependencia económica do país. Tanto é así, que algúns ensaístas, como Valentín Paz Andrade colocárono como “o primeiro problema da economía galega”.

O impacto da inflación no aforro ten un claro sentido de clase. Neste caso afecta de forma especial aos pequenos e medianos aforradores, sendo moi escasos os grandes patrimonios e rendas, ben asesorados financeiramente, que apostan por esta modalidade, optando maioritariamente por formas de investimento. A este respecto, a propia xurisprudencia española diferencia de xeito claro aforradores e investidores, recoñecendo a estes últimos uns coñecementos financeiros que negan aos primeiros.

Comentarios