A túa localidade perdeu algunha oficina bancaria este ano? Este é o ritmo de fechamentos

Persoas nun caixeiro do Sabadell (que tamén anuncia feches na Galiza), en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Un estudo estima que Galiza quedou sen máis de 100 sucursais no primeiro semestre do ano. No Estado español tramitáronse 1.476 supresións.

As entidades bancarias seguen a anunciar feches de sucursais no rural galego a pesar da ampla contestación social e dos diferentes movementos para que non se perda este servizo esencial. Pero mentres a Xunta concede axudas para crear caixeiros naquelas localidades nas que non hai oficina a Abanca -unha das empresas que máis recortes está a facer-, no país continúan a notarse os efectos da reestruturación.

Tanto é así que tan só na primeira metade de 2021 desapareceron no país máis dun centenar de sucursais de atención ao público, e iso sen ter en conta que foi a partir do verán cando máis repercusión colleron os fechamentos o que provocou unha ampla mobilización da cidadanía.

O Banco de España concreta, nun informe, que en seis meses a Galiza recortou 104 estabelecementos deste tipo. Isto implica que cada un dos meses, entre xaneiro e xuño, suprimíronse da rede bancaria galega 17,3 sucursais.

Os datos do Banco de España van máis aló cando hai que estabelecer números a nivel do Estado, pois a rede de 112 entidades de depósito quedou con 20.823 puntos de atención ao público en xuño, "o seu menor nivel desde o ano 1977".

Trátase dun recorte de 789 oficinas en tres meses (-3,6%), de 1.476 oficinas desde que comezou o ano (-6,6%) e de 2.576 sucursais respecto ao dato de xuño de 2020 (-10,8%).

Os axustes teñen lugar nun escenario no que as principais entidades bancarias están a reestruturar o seu persoal e a súa rede de oficinas "para gañar eficiencia e adaptarse á nova demanda dos seus clientes, que cada vez utilizan máis as canles dixitais e acoden menos ás sucursais".

No entanto, esta dinámica dixital non é tan habitual na Galiza, onde están a obrigar a unha poboación avellentada a ter os cartos na casa ou depender de xente máis moza para acceder ás apps e até os caixeiros, o que é entendido como un novo ataque ao rural.

No global, o país é o quinto territorio que perdeu máis oferta, dentro dun ritmo de fechamentos de dez oficinas cada xornada.