A Xunta custearalles aos bancos caixeiros automáticos para paliar o fechamento de 1.300 oficinas

2,8 millóns de euros das arcas públicas galegas irán para á banca privada para custearlle a instalación de caixeiros automáticos en concellos do rural que non contan con ningunha oficina bancaria nin caixeiro. Esta partida da Xunta chega despois de que as entidades bancarias fechasen na Galiza máis de 1.300 oficinas en 12 anos. 
Alberto Núñez Feixoo, no Consello do Goberno galego, en San Caetano (Foto; Arxina)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, no Consello do Goberno galego, en San Caetano (Foto; Arxina)

Até 45 concellos galegos carecen dunha entidade de crédito segundo os datos do Banco de España, o que ilustra o fechamento de 1.300 entidades bancarias na Galiza ao longo dos últimos 12 anos, coa consecuente destrución de postos de traballo e perda de servizos

Ante isto, a solución da Xunta, aprobada esta quinta feira, 17 de xuño, no Consello do Goberno galego, é sufragar a entidades bancarias a instalación de caixeiros automáticos nos 34 concellos que asinaron os convenios de colaboración coa Administración para dispor dun servizo reducido en horario de atención e formación á cidadanía. As bases da convocatoria aprobada recollen un importe para o período 2021-2025 de 2,8 millóns de euros. 

Segundo recolle o acordo do Goberno, "estas medidas vanse desenvolver a través da concesión dun incentivo a unha entidade financeira, que se elixirá mediante convocatoria pública, para que preste os servizos bancarios básicos naqueles concellos galegos do ámbito rural que se adhiran voluntariamente ao protocolo asinado entre o Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)". 

A Xunta reitera que o financiamento corre a cargo dela e que os concellos só deberán ceder e acondicionar os espazos onde se instale o caixeiro. Porén,  o protocolo marco acordado coa Fegamp indica que os concellos asumirán os custos de electricidade, telefonía e limpeza.

Axudas a empresas

Noutra orde, Alberto Núñez Feixoo informou esta quinta feira, após o Consello da Xunta dunha nova liña de axudas de 4 millóns para  locais de ocio nocturno. Tamén alcanza os 4 millóns a nova liña de axudas a pemes e autónomos para levar a cabo proxectos de dixitalización, o chamado Cheque Dixital.

Aliás, informou da licitación das obras do novo edificio no Hospital de Ourense e da remodelación do Materno-Infantil, así como da creación dun censo único de residentes en que estarán os usuarios dos xeriátricos públicos e privados. 

O Sergas citará para a semana 100.000 galegos de 40-49 anos 

O Servizo  Galego de  Saúde  chamará na próxima semana 100.000 galegas e galegos de entre 40 e 49 anos para recibir a primeira dose da vacina contra a Covid-19.

Así o anunciou Núñez Feixoo, á saída do Consello da Xunta, ao tempo que remarcou que, en paralelo, continuarase citando as persoas ás que corresponda recibir a segunda dose, nos prazos que estabelece cada unha das marcas que se están a utilizar. 

Vacacións con vacinas

Feixoo defendeu que é "razoábel" que o Sergas analice vías para "reordenar" as citas de vacinación para galegos que teñan axendadas "laboralmente" as súas vacacións e estean dentro do territorio galego de ferias, mais lonxe da súa área sanitaria.

Tras incidir en que o Ministerio non escoitou as formulacións da Xunta para que cidadáns do Estado poidan ser vacinados en calquera autonomía en que se atopen de vacacións, si cre que isto será posíbel facelo para os galegos dentro do Sergas, de maneira que unha persoa de Tui que se atope de ferias na Mariña poida ser vacinada no norte sen ter que regresar á casa. 

Comentarios