O Sabadell fechará 38 oficinas na Galiza

Os sindicatos tratan de buscar alternativas á saída de 1.963 empregados e empregadas en todo o Estado español.
Oficina do Banco Sabadell en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Oficina do Banco Sabadell en Compostela (Foto: Nós Diario).

O Banco Sabadell ten previsto fechar un total de 38 oficinas na Galiza, o que supón reducir a súa rede no país en 40%, ao pasar das 93 sucursais actuais ás 55 que quedarán após os feches.

O banco, que vén de anunciar un expediente de regulación de emprego (ERE) para 1.900 persoas en todo o Estado español, prevé fechar un total de 320 oficinas en todo o territorio, das que 105 xa se clausuraron e 215 farano en outubro.

Estes feches coinciden no tempo cos programados por Abanca, un recorte de servizos que golpea con forza nas zonas rurais, onde varios concellos quedarán sen oficina para que a súa veciñanza poida realizar as xestións financeiras. 

Pola súa banda, a representación dos traballadores de Banco Sabadell propuxo medidas alternativas a estes feches, como un plan de prexubilacións, baixas incentivadas e excedencias voluntarias. Foi na terceira reunión do período previo de negociación do ERE exposto pola dirección da entidade.

En concreto, os sindicatos propoñen un plan de prexubilacións e xubilacións anticipadas e voluntarias para o colectivo de maiores de 55 anos, que sumarían ao redor de 2.000 persoas, así como a posibilidade de aplicar baixas e excedencias voluntarias incentivadas.

Nesta liña, o comité tamén propuxo a recuperación de tarefas actualmente externalizadas e a recolocación de persoas noutras filiais do grupo bancario. Ademais, expuxo a posibilidade de ofrecer o teletraballo e esixiu o "reaxuste de salarios da alta dirección". 

Sobre este último punto, CCOO  afirma que, antes os datos "catastróficos" achegados pola entidade, "non estaría de máis que fose esta alta dirección a que dese un primeiro paso".

Vías alternativas

Doutra banda, os sindicatos rexeitaron o plan social de recolocación exposto polo Sabadell. Segundo a representación sindical, a dirección do banco insiste na necesidade de levar a cabo o axuste exposto ─1.936 despedimentos─, aínda que mostra disposición a aplicar a voluntariedade como criterio prioritario "sen descartar a  forzosidade en caso de non cubrir" as saídas expostas.

Ademais, o banco estaría a explorar outras medidas alternativas que serán expostas nas próximas reunións. A seguinte será o vindeiro 14 de setembro.

Comentarios