O PP vota en contra de reclamar que Abanca non feche oficinas

O PP votou en contra dunha iniciativa do BNG -apoiada polo PSdeG- que pedía á Xunta actuar para evitar o fechamento dunha oficina de Abanca en San Valentín, no Concello de Fene, así como exercer as súas competencias exclusivas en materia de consumo para garantir que a entidade financeira preste servizos de calidade, en especial á poboación máis vulnerábel.

Mobilización contra o fechamento de sucursais de Abanca en varias localidades galegas, sobre todo do rural (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Mobilización contra o feche de sucursais de Abanca en varias localidades galegas, sobre todo do rural (Foto: M. Dylan / Europa Press).

Na comisión de Economía do Parlamento da Galiza, Sandra Vázquez (PP), defendeu a postura do seu grupo coa argumentación de que "o único que pode dar unha solución é o Goberno do Estado", pois a regulación bancaria depende do Executivo estatal.

En cambio, Ramón Fernández Alfonzo (BNG) referiuse ao "auténtico clamor social" polo fechamento de oficinas de Abanca con "nocturnidade e aleivosía", que decidiu "aproveitar a pandemia para maximizar beneficios", despois de recibir "inxentes cantidades de diñeiro público" e contar con beneficios de máis de 3.000 millóns nos últimos anos.

Ademais dos “abusos" á clientela, Fernández Alfonzo recriminou que Abanca "precariza" a situación laboral dos seus empregados. Así mesmo, considerou que "é de traca" e "escandaloso" que a Xunta subvencione á entidade a instalación de caixeiros despois de clausuras sucursais, de modo que censura que "calquera escusa é boa para darlle diñeiro aos poderosos".

Nesta liña, Francisco Rivera (PSdeG) afirmou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "está secuestrado polos intereses financeiros", mentres reproba que Abanca "axilice de modo dacroniano" os fechamentos en plena pandemia.

A deputada popular Sandra Vázquez admitiu a "gran preocupación e inquietude" polo acceso a servizos financeiros, aínda que resaltou que é unha situación que "afecta á metade de municipios de España".

Por iso, apuntou que a oposición só busca "branquear" o Goberno estatal, ao que reclamou que elabore un estudo sobre a situación bancaria e un plan estatal contra a exclusión financeira.

Nesta comisión os populares tamén vetaron unha proposta, do PSdeG, sobre actuacións a levar a cabo pola Xunta para reducir desequilibrios territoriais e evitar o despoboamento do rural.

Comentarios