Transportes castiga os aeroportos galegos sen novos investimentos até 2026

O Ministerio de Transportes publica a folla de ruta do sistema aeroportuario até 2026, na que contempla só 52 millóns de euros para investimentos nas terminais galegas dun total de 2.250 millóns para todo o Estado español.
Varias persoas agardan no mostrador de facturación do aeroporto Rosalía de Castro de Compostela (Foto: Europa Press).
photo_camera Varias persoas agardan no mostrador de facturación do aeroporto Rosalía de Castro de Compostela (Foto: Europa Press).

O novo documento de regulación aeroportuaria (DORA) para o período 2022-2026, publicado hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE), deixa os aeroportos galegos en moi mal lugar. Primeiro, porque contempla para eles un investimento conxunto de 52 millóns de euros dun total de 2.250 millóns de investimento a nivel estatal. E, segundo, porque as previsións de tráfico sitúan as tres terminais galegas como as que máis lonxe van quedar dos datos previos á crise da Covid no que a viaxeiros se refire. 

No que atinxe aos investimentos, o Ministerio de Transportes fixa o seu maior esforzo económico no aeroporto compostelán Rosalía de Castro, con 22,56 millóns de euros para todo o período. A maior contía corresponde a investimentos para a mellora da seguridade operacional, con 8,9 millóns de euros, seguida da mellora da seguridade de persoas e instalacións (3,32 millóns) e actuacións no campo de voos e na plataforma (2,03). A terminal coruñesa de Alvedro, para a que non contempla unha ampliación demandada desde hai xa ben tempo, levará 16,67 millóns dos 52 previstos para a Galiza. A maior parte (13,02 millóns) será para incremento da seguridade operacional, partida á que seguen os investimentos de apoio e reposición, con 2,43 millóns de euros. 

Por último, o aeroporto vigués de Peinador ten reservados 13,6 millóns de euros, tamén para mellora da seguridade operacional (4,12 millóns) e das persoas e instalacións (4,86 millóns), entre outras actuacións previstas.

Estas exiguas partidas contrastan por exemplo cos 90 millóns previstos para as ampliacións de Madrid-Barajas (que suma un investimento global de 433 millóns de euros) e do aeroporto de Palma de Mallorca, ou a ampliación do de Bilbo, cuxo importe está pendente de determinar.

Capacidade aumentada

O aeroporto coruñés de Alvedro é o único dos tres que non recibiu investimentos nos últimos anos para ampliar a terminal, de 9.000 metros cadrados. O anterior plan director contemplaba esta actuación, mais non se chegou a executar.

O anterior DORA atribuía ao aeroporto coruñés unha capacidade de 1.300.000 pasaxeiros ao ano, cifra que xa superou en 2019. Coa ampliación da terminal, esta capacidade aumentaría até 2.000.000 de persoas, cifra que agora lle asigna Aena pese a non ter feito investimento ningún neste sentido. Tampouco ten en conta que cando coincide o embarque de dúas aeronaves á vez a terminal colapsa.

En Compostela (75.000 m2), o documento de Transportes aumenta a capacidade dos 4,5 millóns de pasaxeiros aos 5 millóns e en Vigo (20.000 m2, o dobre que Alvedro), pasa dos 2 millóns a 2,1.

Baixas previsións 

A outra das previsións que xoga na contra dos intereses do sistema aeroportuario galego é a que afecta ao número de viaxeiras.

O DORA prevé que os tres aeroportos galegos movan o vindeiro ano 3,5 millóns de pasaxeiros, lonxe dos 5,2 millóns que transportaron en 2019, antes da pandemia da Covid. De feito, o Ministerio non conta con que as terminais galegas recuperen o volume de tráfico anterior á pandemia nese período, pois para 2026 calcula que empregarán os aeroportos galegos 4,18 millóns de persoas.

Peinador e Alvedro serán as que máis lonxe queden da recuperación, cunha estimación de 641.615 pasaxeiros en 2026 (fronte aos 1.012.447 de 2019) e 910.863 (1.352.584  en 2019), respectivamente. 

Esta redución podería vir xustificada pola chegada do AVE, cuxo impacto no país é aínda difícil de cuantificar, aínda que as previsións de Transportes parecen ser demasiado conservadoras, quizais para demorar algún dos investimentos que precisan os aeroportos galegos até comprobar o verdadeiro impacto desta mellora nas conexións ferroviarias coa meseta. 

Tampouco parece ter en conta a posíbel aplicación de medidas como a supresión dos voos que se poidan cubrir en menos de tres horas en tren, como xa fan outros Estados europeos, e das que Galiza quedaría á marxe.

Comentarios