Pardo de Vera mantén outono como data de chegada do AVE a Galiza

A presidenta do Adif sinala que a electrificación avanza a bo ritmo ao tempo que critica a politización dos investimentos en infraestruturas 
Isabel Pardo de Vera, presidenta do Adif (Foto: Delegación do Goberno español na Galiza).
photo_camera Isabel Pardo de Vera, presidenta do Adif (Foto: Delegación do Goberno español na Galiza).

A presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), Isabel Pardo de Vera, aproveitou hoxe unha entrevista radiofónica en Radio Nacional (RNE) para destacar que as probas realizadas até o momento no treito en obras entre a fronteira con Zamora e Ourense foron "moi satisfactorias" e que a electrificación  "enerxizouse" e, aínda que dixo que non lle gusta dar prazos, confirmou que o organismo que preside mantén "o horizonte de outono" para a posta en servizo. "A non ser que alguén nos faga algún tipo de sortilexio", apostilou.

Pardo de Vera anunciou que informará puntualmente "de como van esas probas e se hai algunha incidencia" que obrigue a atrasar "15 días arriba ou 15 días abaixo" esa posta en servizo.

No transcurso da entrevista, a presidenta do Adif remarcou tamén como "prioritaria" a saída sur de Vigo cara a Portugal. É máis, insistiu na "clara aposta" tanto do Executivo luso como o español por impulsar esta infraestrutura "imprescindible, natural e de sentido común".

"Desde logo, a vontade do Goberno portugués e o español xa deu claros avances. Nós, como Adif, iniciamos a tramitación do convenio co administrador de infraestruturas portugués", avanzou, para un acordo que se asinará proximamente.

De igual modo, Pardo de Vera comprometeuse a dar "un impulso claro" aos trazados entre Ourense e Vigo, que forman parte do Corredor Mediterráneo. Consciente da "orografía  complicadísima" destas vías centenarias, que ao longo deste inverno sufriron numerosas incidencias, afirmou que o tramo está "dentro da programación de investimentos" valorados nuns 500 millóns de euros.

Conexión de Lugo

Sobre a conexión de Lugo coa alta velocidade, Pardo de Vera lembrou que lle "comeron os demos" cando en 2018 chegou ao Adif "e non tiña nin un triste estudo nin un triste proxecto" por onde empezar. "Había moita declaración de intencións, pero a realidade é que houbo cero materialización de ningún investimento máis que esa variante en Pobra de San Xiao ─en Láncara─, que tardou 14 anos en porse en servizo desde que se iniciou", explicou.

Fronte a iso, reivindicou a actuación do organismo que dirixe: "Despregamos un equipo interdisciplinar para facer o diagnóstico, elaboramos 71 expedientes de contratación para tentar que no mínimo tempo posible Lugo non quedase desconectada da rede de alta velocidade que chega a Ourense". O Adif fixo "todo o que puido facer no menor tempo posíbel", incidiu.

Precisamente, a constante politización do ferrocarril no Estado español foi un dos temas abordados na entrevista radiofónica. A este respecto, recoñeceu que "é un tema que me cabrea moito, porque levo moitos anos traballando nas infraestruturas e contaminar ao cidadán paréceme un exercicio de moi pouca lealdade e de moi pouco nivel político".

Tras defender a "transparencia" da institución que dirixe, a presidenta do ADIF asegurou que o seu equipo sempre está "disposto a informar da verdade da situación das cousas", do "traballo que hai que facer" e de "a viabilidade" dos proxectos, ai tempo que aseverou que "as infraestruturas son de todos" e "ninguén debe capitalizalas": "Pódese poñer deberes, pódese preguntar. Pero o que hai que facer é informar e non contaminar nin utilizalo como ferramenta política".

Comentarios