Galiza volve perder a oportunidade de coordinar os seus tres aeroportos

Após meses de inactividade pola pandemia, os aeroportos galegos retoman a súa programación con moitas duplicidades no mapa de rutas.
Oficina de información turística da cidade de Compostela no interior da terminal do aeroporto Rosalía de Castro (Foto: Europa Press).
photo_camera Oficina de información turística da cidade de Compostela no interior da terminal do aeroporto Rosalía de Castro (Foto: Europa Press).

A falta de coñecer os datos de abril, os aeroportos galegos moveron polas súas terminais algo máis de 195.000 persoas nos tres primeiros meses do ano, o que supón un descenso de 77% respecto das 846.000 contabilizadas no mesmo período de 2020. E, como dato curioso, os tráficos de marzo déronlle a volta á realidade aeroportuaria galega, situando Peinador como o aeroporto con más viaxeiros e o Rosalía de Castro de Compostela como o de menor actividade.

O sector turístico está a ser un dos máis afectados pola crise da Covid-19. De feito, nos últimos meses o movemento de aeronaves é practicamente testemuñal. Tan só as conexións con Madrid, ameazadas pola inminente chegada da alta velocidade, lograron salvar da queima. 

Co fin das restricións á mobilidade, as Administracións puxéronse a traballar hai xa varias semanas para recuperar parte do terreo perdido mais, de novo, no caso dos aeroportos, fixérono sen unha estratexia de país, o que na práctica se traduce na nula coordinación de esforzos, na duplicidade de rutas e na continua loita localista entre A Coruña, Compostela e Vigo.

O momento de actuar

Cos aeroportos sen avións, a maioría de rutas canceladas e sen apenas actividade, era o momento ideal para confeccionar unha estratexia común para sacar o máximo proveito das tres terminais galegas e plantar cara a Porto, o grande aeroporto do noroeste peninsular.

Porén, desde a Xunta, alegando que non teñen competencia en materia aeroportuaria, aínda que si que a teñen en Turismo ─é quen impulsa moitas das rutas a través de convenios─, decidiron deixar en mans dos concellos de referencia destes aeroportos a confección do novo mapa de rutas.

O resultado foi o esperado. Na nova planificación de verán, os aeroportos de Alvedro e Peinador teñen duplicadas boa parte das súas rutas domésticas en Compostela. Así, desde a Galiza pódese viaxar a Menorca, Tenerife ou Gran Canaria desde calquera das tres terminais, mesmo elixindo entre compañías, xa que algunhas, como o caso de Mallorca, están operadas por até catro firmas distintas (Volotea, Ryanair, Vueling e Air Nostrum).

Desde A Coruña pódese voar a Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia, Tenerife e Gran Canaria, destinos todos eles duplicados no aeroporto Rosalía de Castro.

O concelleiro de Turismo coruñés, Juan Ignacio Borrego, anunciou que nas próximas semanas incluirán a esa listaxe destinos internacionais como Heatrow (Londres), Amsterdam e París, estes dous últimos xa dispoñíbeis desde Compostela con Vueling, mentres que a Londres se pode acceder desde a capital galega tamén con Ryanair (Stansted) e Easyjet (Gatwick). 

E mentres os aeroportos galegos compiten entre si, Madrid e Porto, con moita maior oferta, comezan a albiscar as oportunidades que se lles presentan da man da mellora das conexións ferroviarias, que permitirán conectar boa parte da Galiza en tempos competitivos (menos de tres horas a Madrid e menos de dúas a Porto) con dous dos grandes nodos aeroportuarios do continente europeo.

Comentarios