O sector agrogandeiro perdeu máis de 23.000 postos de traballo desde 2009

A superficie agraria útil da Galiza xa está por baixo das 600.000 hectáreas e o número de explotacións segue minguando. Os datos recollidos no recentemente publicado Censo Agrario de 2020 apuntan a unha caída da actividade no complexo agrogandeiro, na liña do acontecido desde a integración na Unión Europea.

Explotación láctea galega (Foto: Europa Press). #gandaría #leite #sectorlácteo #vacas
photo_camera Desde a integración do Estado no espazo comunitario desapareceron máis de 62.000 explotacións lácteas galegas. (Foto: Europa Press).

A perda de terras de cultivo é un bo termómetro para coñecer a saúde do complexo agrogandeiro galego. O Censo Agrario, un documento elaborado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) seguindo unha metodoloxía común a todos os Estados do espazo comunitario, analiza cada 10 anos a situación da agricultura na área da Unión Europea. Precisamente, o INE vén de facer público o documento referido a 2020, practicamente 11 anualidades despois do anterior estudo -que fora realizado con datos de 2009-.

A superficie agraria útil (SAU) suma 597.933 hectáreas na Galiza. Ao tempo, rexístranse 75.451 explotacións, situándose o tamaño medio das mesmas en 7,93 hectáreas. Neste sentido, a extensión das explotacións galegas sitúase á cola do Estado, cunha dimensión só superior a das Illes Balears e cunha redución da súa superficie desde 2009 en 0,66 hectáreas. A este respecto, só as explotacións agrogandeiras da Rioxa e Illes Balears  perderon nestes últimos 11 anos máis tamaño que as galegas, nun marco de incremento xeneralizado da base territorial das mesmas

As terras de cultivo reducíronse 15,9%

A SAU galega non deixou de diminuír desde a integración do Estado español no espazo comunitario. Segundo as cifras do INE, a Galiza perdeu nos últimos 35 anos 131.181 hectáreas para a actividade agraria e 151.908 explotacións, cunha base territorial media de 3,12 hectáreas. Así, desde 1987 as terras de cultivo reducíronse en 15,9% e o número de explotacións en 72,9%.

A última década veu confirmar a tendencia do ciclo aberto após a incorporación ao Mercado Común Europeo, antecedente da actual UE. Sen ir máis lonxe, desde 2009 reducíronse as terras de cultivo en 49.605 hectáreas, isto é en 7,66%, e destruíronse 23.158 empregos agrarios, pasando de 87.433 a 64.275. Nesta dirección, foi significativo no referido período o incremento da SAU en boa parte dos Estados da UE, até o punto de representar como media no espazo comunitario o dobre da galega, rexistrándose Estados desta área onde as terras agrarias traballadas representan máis de 50% do seu territorio

A falla de base territorial é curiosamente un dos principais problemas que deben enfrontar as explotacións leiteiras no país. Mentres as granxas no conxunto europeo dispoñen dunha extensión de aproximadamente 40 hectáreas, a superficie das galegas é de 7,93 hectáreas, o que provoca unha desvantaxe comparativa como consecuencia da alza dos custos de produción.

Precisamente, a maior dependencia de pensos ou do mercado de forraxes provoca que as explotacións deban destinar 65% dos seus ingresos a facer fronte aos gastos de alimentación dos animais, situación inédita mo contexto comunitario.

O último Censo Agrario certifica o fechamento de 17.690 explotacións de gando bovino desde 2009. Aínda así, a Galiza conta con 27.596 explotacións bovinas, que suman 994.515 cabezas, xerándose 40% da produción láctea de todo o Estado español, en 220.000 hectáreas de superficie agraria útil, correspondente con 8% do conxunto do territorio galego.

62.600 explotacións leiteiras menos desde 1995

A produción láctea galega sitúase en 2,7 millóns de toneladas. Malia  pasar de 70.000 explotacións de leite en 1995, cun rendemento de 1,5 millóns de toneladas, a 7.400 na actualidade, a cantidade de leite non deixa de medrar. A supresión do mercado de cotas imposto pola UE en 2015 contribuíu á suba da produción. Porén, a Galiza soportou os prezos en orixe máis baixos de toda a zona euro, deixando de ingresar os gandeiros un mínimo de 50 millóns cada ano.

A Galiza ocupa postos de relevo na produción de polos e coellos. Neste sentido, o Censo Agrario 2020 recolle a existencia de 9,048 explotacións avícolas, cun monto de 3.624.697 galiñas de curral para unha poboación total avícola de 24.825.124, sendo o terceiro produtor do Estado neste ámbito, só por detrás de Catalunya e Castela.

Comentarios